AD

Comarca

A estrea do documental “Promover o galego dende o local” destaca os proxectos de Ames a favor do galego

today18 noviembre, 2025

Fondo
share close
AD

O documental “Promover o galego dende o local” puido visualizarse por primeira vez ao público xeral este luns, 17 de novembro, no auditorio do Milladoiro. A peza, financiada polo Concello de Ames e producida por Nós Televisión,  pon en valor as iniciativas que se levan desenvolvendo estes últimos anos en Ames para impulsar e promover o uso do galego en amplos ámbitos

Tanto o alcalde de Ames, Blas García, como o secretario xeral da Lingua, Valentín García, coincidiron na importancia da área de Normalización nos concellos e na necesidade de que os alcaldes e alcaldesas asuman esta responsabilidade, como é o caso do Concello de Ames, para deste xeito darlle o peso que realmente merece

Ames, 18 de novembro de 2025.- Este luns, 17 de novembro, o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu a estrea de “Promover o galego dende o local”, un documental sobre varios programas de dinamización lingüística. A peza audiovisual, producida por Nós Televisión e financiada polo Concello de Ames, pon en valor as iniciativas que se levan desenvolvendo estes últimos anos en Ames para impulsar e promover o uso do galego en amplos ámbitos a través de proxectos como o Galetiktokers, Modo Galego, actívao!, os Premios Lingua e Empresa ou o Certame Literario.

O documental “Promover o galego dende o local” puido visualizarse por primeira vez ao público xeral este luns, 17 de novembro, no auditorio do Milladoiro. A peza, financiada polo Concello de Ames e producida por Nós Televisión, ten como obxectivo dar visibilidade  ao traballo que se realiza desde as Administracións locais para fomentar o uso da lingua galega.

A dita estrea acudiron o alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García; o secretario xeral da Lingua, Valentín García, en representación da RAG, María López Sández; e a directora e guionista do documental de Nós Televisión, Ana Viqueira. Tamén estiveron presentes concelleiros e concelleiras do goberno municipal, do Partido Popular e do Bloque Nacionalista Galego, xunto con persoas que participaron no documental.

Tanto o alcalde de Ames, Blas García, como o secretario xeral da Lingua, Valentín García, coincidiron na importancia da área de Normalización nos concellos e na necesidade de que os alcaldes e alcaldesas asuman esta responsabilidade, como é o caso do Concello de Ames, para deste xeito darlle o peso que realmente merece. Por outra banda tamén se puxo en valor o proxecto “Modo Galego, actívao!”, programa pioneiro en Ames que moitos concellos estudan implantar para fomentar o uso do galego na infancia.

Pola súa parte, a académica da RAG, María López Sández, puxo en valor a posta en marcha do proxecto ‘Modo Galego, actívao!’, pois “Ames funcionou como espazo onde pilotar e poder exportar este proxecto a outros concellos. O galego é un asunto de país pero a acción da Administración local para o galego é moi importante e”. Así, subliñou que “o documental permite ver unha acción de conxunto ante a lingua de forma coherente e coordinada, tendo implicación en varios ámbitos, algo fundamental para poder difundir este modelo a outras zonas”.

Por outro lado, a directora e guionista do documental, Ana Viqueira, destacou que a gran satisfacción que supón para o equipo de presentar un audiovisual que aborda a situación da lingua e de como promover o galego dende a institución máis próxima a nós. Ademais, na súa intervención, tamén explicou a escolla de Ames para desenvolver o documental, “nas últimas tres décadas este municipio triplicou a súa poboación, tendo unha taxa moi alta de xente nova e de xente que naceu fóra. É un concello que leva moito tempo apostando por políticas de normalización da lingua serias e comprometidas. Un concello que ao longo do ano organiza moitos programas, convocatorias e iniciativas para promover o noso idioma e no documental fálase precisamente diso”.

O documental conta coa participación do alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García; o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; a ex-concelleira de Educación e Mocidade, Carmen Porto; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; a técnica de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras; e a técnica do departamento de Mocidade, Pilar Villaverde.

Tamén participaron Alonso Caxade, Andrea Porto, Branca Trigo, Nuria Grandío, Rodri Míguez, Raquel Arias, María Cebey, Carlota Mera, Julio de la Iglesia e o alumnado e profesorado de 4º de primaria do CEIP de Barouta.

A partir deste sábado, 22 de novembro, o documental tamén poderá visualizarse na canle de Youtube de Nós Televisión, na canle número 9 de R en toda Galicia e na plataforma Movistar Plus+ no resto de España.

O documental ten unha duración de 37 minutos. A produción executiva correu a cargo de Rosabel Candal e Diego Frey. Da dirección, guión e produción ocupouse Ana Viqueira, mentres que da realización encargouse Martín Rodríguez e Diego Frey. Manuel Expósito realizou traballos de axudante de realización e da edición e montaxe ocupouse Martín Rodríguez. O deseño de grafismos e creatividades foi traballo de Roi Barros; e os operadores de Cámara e iluminación foron Pio Cribeiro, Roi Barros, Martín Rodríguez e Manuel Expósito. Ademais contouse con imaxes de dron grazas ao traballo de Pio Cribeiro, e a locución de voz en off fíxoa Xiana Arias.

“Promover o galego dende o local”

Nós Televisión é unha empresa audiovisual con sede en Ames e que, ademais, a maioría dos seus contidos son relacionados coa cultura e con lingua galega. A motivación de levar a cabo este proxecto vén de que, nestes intres, a perspectiva sobre o futuro da lingua non é positivo e o número de galegofalantes descendeu nos últimos anos.

Así, o proxecto comezou a gravarse hai un ano, en novembro do 2024. A idea naceu, inicialmente, da repercusión que tivo desenvolver o programa Modo galego, actívao! nos centros educativos de Ames. Dende un primeiro momento, buscouse enfocar a peza audiovisual dende unha visión positiva e dunha situación a longo prazo na que mellore e aumente o uso da lingua, sobre todo entre a mocidade.

4 proxectos de Ames para promover o galego

No documental abórdanse catro proxectos que o Concello de Ames desenvolve a través das Concellarías de Normalización Lingüística, Mocidade, Educación e Promoción Económica para fomentar e normalizar o uso da lingua en diferentes ámbitos, dende o educativo ata o empresarial. Así, reflíctense na peza varios eidos nos que impulsar o uso do galego, amosando que o uso da lingua pode estenderse a calquera situación da nosa vida cotiá.

Por unha banda, fálase do certame Galetiktokers, organizado polos departamentos de Mocidade e Normalización Lingüística, e que pretende  motivar á mocidade á creación e divulgación de contidos en galego. O modelo a seguir son os vídeos curtos da rede social TikTok, unha das aplicacións máis populares, sobre todo entre os máis mozos e mozas.

Outro dos proxectos dos que se fala no documental son os Premios Lingua e Empresa, organizado polos departamentos de Promoción Económica e Normalización Lingüística. Esta iniciativa naceu co obxectivo de estimular o uso da lingua galega na actividade económica do concello de Ames, concretamente no eido empresarial, e recoñecer aos comercios e empresas que usen na súa vida cotiá o galego.

O Certame Literario de Ames, organizado polo departamento de Normalización Lingüística, é outro dos proxectos que protagonizan o documental. Trátase dunha iniciativa con máis de dúas décadas de andadura e que ten como obxectivo impulsar a creación literaria en lingua galega, xunto con promover e difundir a cultura propia.

Por último, abórdase o programa  Modo galego, actívao!, impulsado por primeira vez hai 3 anos pola Real Academia Galega e o Concello de Ames. Este proxecto naceu co co propósito de explorar novos xeitos de promover a lingua entre a xente máis nova e avaliar os resultados, implicando e motivando a toda a comunidade educativa (Educación Infantil, Primaria e, este ano, 1º e 2º da ESO) á empregar a lingua en todos os contextos da súa vida cotiá.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *