Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
A parroquia de San Miguel de Sarandón, no municipio de Vedra, ultíma os preparativos para acoller a 44ª edición da Festa do Viño da Ulla, unha cita que, ano tras ano, se consolida como referente cultural, gastronómico e social na comarca. A organización, encabezada por Marieli Mogo, presidenta da comisión organizadora, subliña o salto cualitativo experimentado pola festa nos últimos anos.
“Ven cargadiña de cousas, como todos os anos; cada vez imos incorporando máis actividades”, explica Mogo, quen destaca a evolución constante dunha programación que medra en contido e diversidade.
A festa é, ante todo, un exemplo de implicación veciñal. Tal e como salienta a presidenta, o éxito radica na participación colectiva: “Se non fora pola unión da parroquia isto non sería posible; practicamente participa todo o mundo”.
Neste sentido, o alcalde de Vedra, Carlos Martínez, coincide en destacar o papel fundamental da veciñanza: “Sen a xente de San Miguel e sen a comisión organizadora é absolutamente imposible facer a festa”.
Ambos coinciden tamén na importancia da colaboración institucional, que permite reforzar a estrutura organizativa: “Hai case unha coorganización entre a asociación e o Concello”, apunta o rexedor.
A edición deste ano estenderase ao longo de cinco días, incluíndo xornadas técnicas previas e dous días centrais de festa. “O traballo é moi árduo, temos que comezar con máis dun ano de antelación”, recoñece Mogo.
Entre as propostas destacan concertos, rutas, catas comentadas, visitas a adegas e o túnel do viño, unha das iniciativas máis exitosas das últimas edicións. “As catas comentadas tiveron un éxito rotundo e este ano ampliámolas”, sinala.
O evento contará coa participación de trece adegas procedentes de distintos concellos da Ribeira do Ulla, ofrecendo unha ampla variedade de viños con identidade propia.
Para o alcalde, a festa destaca pola súa capacidade de atraer perfís diversos: “É unha festa que pode disfrutar unha familia con nenos, unha pandilla de amigos ou unha excursión de maiores”.
A oferta complétase coa gastronomía tradicional, especialmente o polbo, e cun ambiente que favorece o encontro social. “É un punto de encontro de xente de toda a contorna, incluso de fóra de Galicia”, subliñan desde a organización.
Carlos Martínez reivindica o valor do territorio: “Non hai que agochar o rural; temos produto, temos zona e temos xente”.
A festa funciona así como un escaparate da riqueza da Ribeira do Ulla, tanto a nivel vitivinícola como cultural e turístico, contribuíndo á promoción do municipio máis alá das súas fronteiras.
Un dos principais obxectivos a curto prazo é a declaración como festa de interese turístico de Galicia, un proceso xa en marcha. “É a meta que queremos alcanzar e cremos que cumpre todos os requisitos”, afirma o alcalde.
Pola súa banda, Marieli Mogo considera que este recoñecemento suporía un impulso clave: “Sería un premio a todo o esforzo e permitiríanos seguir medrando”.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)