Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today23 diciembre, 2025
A Garda Civil desarticulou un importante punto de venda de droga e receptación situado nunha antiga escola unitaria do concello de Boiro, no marco da operación Parvularios. A actuación saldouse coa detención de tres homes, un dos cales xa ingresou en prisión provisional.
A investigación iniciouse no verán de 2025 tras detectarse un aumento significativo de roubos con forza e furtos en establecementos comerciais, vivendas e vehículos da comarca. As pescudas permitiron comprobar que moitos dos autores destes delitos acudían de maneira habitual a unha escola municipal abandonada no lugar de San Mauro, en Goyanes, onde residía de forma ilegal un individuo vinculado ao tráfico de drogas a pequena escala.
Segundo a Garda Civil, no inmoble producíase un constante trasfego de persoas consumidoras de estupefacientes, que en moitos casos entregaban obxectos roubados a cambio de doses de droga, convertendo o edificio nun foco de inseguridade e xerando unha forte alarma social entre a veciñanza.
Tras obter autorización xudicial, procedeuse ao rexistro do inmoble, no que se interviron máis de 7.000 doses de distintas substancias estupefacientes —entre elas marihuana, haxix, heroína, cocaína e cocaína crack—, ademais de diñeiro en efectivo, útiles de pesaxe e abundante material profesional procedente de roubos. O valor da droga incautada supera os 17.800 euros no mercado ilícito.
Debido ao volume de efectos recuperados, foi necesaria a colaboración do GRUMIR e da Policía Local de Boiro para o traslado e aseguramento da zona. Os detidos, naturais de Boiro, A Pobra do Caramiñal e Noia, foron postos a disposición do Xulgado de Instrución número 3 de Ribeira, que decretou o ingreso en prisión do principal responsable e a liberdade provisional con cargos para os outros dous implicados.
A autoridade xudicial ordenou tamén o precinto e tapiado do inmoble por parte do Concello de Boiro para evitar novas ocupacións. A Garda Civil solicita a colaboración cidadá para que aquelas persoas que sufrisen roubos recentemente poidan recoñecer o material aínda depositado nas dependencias oficiais.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)