AD

Arte y Cultura

A Requinta da Laxeira e a Escola de Música de Santa Cruz de Rivadulla arrasan en Compostela

today16 diciembre, 2024

Fondo
share close
AD
  • As dúas formacións encheron o auditorio Abanca nunha actuación sorprendente que terá continuidade en Vedra o próximo ano
  • O compositor Pablo Pascual salientou que o concerto permitiu “achegar ao público un encontro natural, orgánico e respectuoso da música máis académica coas músicas da tradición”

16 de decembro de 2024.- O auditorio Abanca de Santiago quedou pequeno para acoller á marea de persoas que se desprazou de Vedra a Compostela para seguir o concerto especial que ofreceron A Requinta da Laxeira e a Escola de Música de Santa Cruz de Rivadulla. Unha actuación na que participaron un total de 67 músicos (os 12 integrantes da Requinta da Laxeira e os 55 músicos/as da escola de música), que interpretaron doce pezas, e un bis, grazas aos arranxos realizados polo compositor galego Pablo Pascual Alonso para a ocasión.

“Foi unha noite moi emocionante, cun público moi entregado, receptivo e tamén un pouco sorprendido”, explica Gerardo Albela, integrante de A Requinta da Laxeira, quen apunta que “dende o escenario vía as caras da xente e eran rostros de sorpresa e ao mesmo tempo de emoción polo ben que funcionou esta unión da Requinta e a escola de música”. Durante hora e media, as dúas formacións interpretaron doce temas, cun bis cun tema moi coñecido como O galo canta, “e o público comezou a cantalo antes ca nós”, indica Albela, quen lembrou as súas palabras na presentación do evento, “cando dixen que a primeira vez que oín o ‘Collín, collín’ coas dúas formacións en conxunto se me puxo a pel de galiña.» Pois ben, este sábado houbo moita xente que me dixo o mesmo, persoas que eran escépticas e que recoñeceron que funcionou moi ben”. Tal foi a emoción que a mestra de cerimonias deste concerto, tamén presentadora de televisión e cantante, Fátima Pego admitiu: “Encantoume formar parte desta experiencia, ata case me sentín de Vedra”.

Agradecemento a Pablo Pascual

Gran parte de responsabilidade desta harmonización entre A Requinta da Laxeira e a Escola de Música de Santa Cruz de Rivadulla radica nos arranxos realizados por Pablo Pascual. “Durante hora e media interpretamos un repertorio composto por pezas propias da tradición galega, auténticos tesouros do noso pobo, que están moi arraigados na nosa cultura e foron tocados dun xeito totalmente innovador grazas aos arranxos que fixo o compositor galego e bo amigo Pablo Pascual”, sinala Fernando Rey, director da Escola de Música de Santa Cruz de Rivadulla.

O propio compositor galego, quen recibiu un ramo de flores durante o concerto, agradeceu “o regalo que me deu a vida da man de xente tan xenerosa como Fernando Rey, da Banda Escola de Santa Cruz de Rivadulla, e Gerardo Albela, da Requinta da Laxeira. Que privilexio foi que me permitiran facer uns arranxos para o concerto conxunto das dúas agrupacións e así poder achegar ao público un encontro natural, orgánico e respectuoso da música máis académica coas musicas da tradición. Hai moitos camiños por explorar e agora mesmo A Requinta da Laxeira e Banda Escola de Santa Cruz de Rivadulla están á cabeza desa viaxe. Por valentes, por deixar atrás prexuízos e polo seu compromiso co patrimonio inmaterial da Ulla”.

Continuidade en 2025

Este concerto no auditorio Abanca de Santiago foi a culminación dun proxecto iniciado hai cinco anos e que estaba previsto realizar o 17 de maio de 2020, pero que tivo que ser suspendido pola pandemia sanitaria. Tras a extraordinaria experiencia do pasado sábado en Compostela, as dúas entidades están decididas a aceptar o ofrecemento do alcalde de Vedra, Carlos Martínez, quen se ofreceu a programar un par de concertos en Vedra en previsión dos veciños e veciñas que non puideron achegarse a Santiago.

“E iso que foron moito os veciños e veciñas que fixeron o esforzo de subir a Compostela. Moitos deles incluso tiveron que aparcar ben lonxe porque non había sitio nos aparcamentos próximos”, apunta Gerardo Albela, quen salienta que “foi unha noite moi especial, no que todo funcionou tan ben que todos os que saían do auditorio Abanca levaban un sorriso na cara. Non só o público, tamén os rapaces e os mestres da escola de música e nós mesmos”.

Este concerto foi organizado pola Escola de Música de Santa Cruz de Rivadulla e A Requinta da Laxeira, que contaron coa colaboración da Asociación Cultural San Campio, o Concello de Vedra, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia, Ulla Oil, Ferroglobe, Destilerías Pepe Albela, Centro Comercial García García, Rivadulla O polo que sabe, Eixo Print e Elo Arquitectura.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%