Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today1 junio, 2026
Máis dun cento de veciños concentráronse este luns na Praza Roxa de Santiago para denunciar o aumento da inseguridade, as pelexas, os roubos, os narcopisos e o tráfico de drogas no Ensanche, Santa Marta e outras zonas da cidade.
Durante a protesta, a plataforma Santa Marta Segura expresou a súa “decepción” tras máis dun ano de traballo, reunións coas administracións, case 6.000 sinaturas recollidas e un centro sociocultural cheo de veciños reclamando solucións. Segundo denunciaron, malia as promesas recibidas, “non houbo resultado efectivo ningún”.
O manifesto puxo o foco na venda de droga no Banco do Pobre e na Casa da Palmeira, na presenza de persoas consumindo en espazos públicos, na aparición de xiringas en rúas, parques e zonas de convivencia, así como nos roubos, agresións, ameazas e danos en portais, vivendas, garaxes e mobiliario público.

“Que máis ten que pasar no noso barrio para que se actúe dunha vez por todas?”, preguntaron os convocantes, que reclamaron apoio e tratamento para as persoas drogodependentes, pero tamén firmeza contra os narcotraficantes: “Non precisan comprensión; precisan que se cumpra a lei”.
A plataforma subliñou que seguirá loitando, da man da veciñanza e das asociacións de Compostela, por unha cidade “máis segura, máis moderna e máis tranquila”. Tamén advertiu de que o problema xa non é exclusivo de Santa Marta, senón de toda a cidade: “Esta non é só a loita de Santa Marta; é a loita de toda Compostela”.
A concentración rematou cunha mensaxe clara: “Santiago non pode resignarse a proxectar unha imaxe de abandono, inseguridade e degradación”. Os veciños despediron o acto co lema: “Drogas non, vida si”.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)