Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today28 mayo, 2025
28 de maio de 2025.- A X Andaina Terras de Altamira, organizada pola asociación O Esquío no Piñeiro e o Concello de Brión, vén de romper con todos os récords de participación: 1.000 persoas percorreron os montes e aldeas do municipio durante o pasado sábado. Unha proba non competitiva pero puntuable tanto para a Liga Galega de Andainas e a Liga Ibérica de Sendeirismo.
O día acompañou, tal e como salientou o alcalde brionés, Pablo Lago, encargado de dar a saída dende a praza a carón da Carballeira de Santa Minia. Lago Sanmartín felicitou á asociación O Esquío no Piñeiro polo seu traballo “pois é un pracer ver cada vez máis xente participando nesta proba e este ano mesmo houbo que colgar o cartel de non hai billetes porque se chegou ás 1.009 inscricións”. Por iso desexoulles aos participantes que desfrutaran da andaina “da nosa natureza e do noso patrimonio e que volvades outro día para coñecernos con máis tranquilidade”.
Dende a Asociación O Esquío no Piñeiro salientaron que “ver como ían subindo día a día as inscricións nesta décima edición da nosa andaina foi máxico. Cada inscrición é para nós un empurrón, unha mostra de confianza, un chute de enerxía que nos fai seguir coa mesma ilusión que hai 12 anos**, cando comezamos con esta tolemia”.
Camiseta de homenaxe a Xosé Vizoso
Como en edicións anteriores, a andaina ofreceu tres distancias a escoller polo camiñante: 16 km, 36 km e 50 km. Un percorrido que permitirá aos sendeiristas coñecer lugares emblemáticos do municipio como as Torres de Altamira, a Igrexa de Bastavales, A Ponte Paradela ou as Mámoas de Rañalonga, así como camiñar polas beiras do río Tinto.
Un dos detalles especiais desta X Andaina Terras de Altamira estaba incluída nos agasallos da bolsa do sendeirista: unha camiseta conmemorativa cun deseño de Xosé Vizoso, prestixioso deseñador, cartelista, escultor, ceramista, ilustrador e muralista falecido o pasado mes de febreiro. E é que esta figura fundamental da arte galega do último século, responsable do Departamento de Deseño de Sargadelos e autor da maioría das pezas máis recoñecidas desa marca, era socio do Esquío no Piñeiro e colaborador desta proba, para as que deseñara as camisetas das tres primeiras edicións. De feito, a edición de 2025 retomou o deseño realizado por Vizoso para a segunda edición da proba.
A X Andaina Terras de Altamira foi organizada pola asociación O Esquío no Piñeiro e o Concello de Brión, en colaboración coa Federación Galega de Montañismo (FGM), a Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada (FEDME), a Universidade de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña, Deporte Galego, a Liga Galega de Andainas e Liga Ibérica de Sendeirismo.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)