Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
A Estrada, 18 de xullo de 2025.- O Concello da Estrada oficializou ante notario esta semana a cesión dunha parcela de titularidade municipal en favor da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Avipugal) ao obxecto de que sobre estes terreos se constrúan as que serán as primeiras vivendas protexidas de promoción pública que se impulsen neste municipio despois de máis de 20 anos. O alcalde, Gonzalo Louzao Dono, asinou esta cesión, o último paso que lle correspondía dar á administración local neste proxecto.
O rexedor estradense sinalou que nestes intres a Xunta ten en fase de licitación a redacción do proxecto para construír estas 28 novas vivendas de promoción pública na Estrada. Incidiu en que isto supón que nos vindeiros meses o goberno galego terá xa o proxecto para licitar esta edificación nunha parcela que se enmarca na urbanización promovida nunha bolsa de terreo que encerran as avenidas de Pontevedra e de Vigo xunto coa Rúa Marín. Popularmente, esta urbanización coñécese polo nome da superficie comercial que nela se asenta, un supermercado da cadea levantina Mercadona.
As 28 novas vivendas levantaranse sobre unha parcela duns 1.500 metros cadrados que lle correspondeu ao Concello da Estrada como aproveitamento urbanístico neste desenvolvemento de solo. A parcela ten fronte a unha rúa de nova apertura, que desemboca na Rúa Marín por un dos seus extremos e, polo outro, na zona comercial.
A nova promoción pública será a quinta que se levanta sobre solo estradense, despois das dúas de maior antigüidade construídas ao pé da N-640, na Avenida de Pontevedra, e outras dúas edificadas, cunha maior proximidade no tempo, na Avenida Fernando Conde. A última delas remóntase a comezos dos anos 2000. A intención do goberno que encabeza Louzao Dono é que estas novas 28 vivendas de promoción pública marquen unha primeira fase, neste caso sobre a parcela cedida ao efecto pola administración
municipal.
O alcalde da Estrada quixo situar esta aposta no perseguido “mandato das oportunidades”. Aludiu á ampliación da autovía AG-59 como unha senda fundamental para o futuro estratéxico do municipio e vencellouna a outro dos seus piares: incrementar o parque de vivenda para medrar, tamén, en poboación. “O Concello cumpriu porque fomos, tras Pontevedra, o primeiro concello en asinar un convenio para construír vivenda de promoción pública”, apuntou ou xefe do executivo local.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)