Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today23 abril, 2025
A Estrada, 23 de abril de 2025.- A finais de 2024 o Concello da Estrada reabría, logo dunha importante mellora, os aseos públicos do Campo da Feira. Esta mañá os servizos de limpeza atoparon as instalacións cunha estampa, lamentablemente, ben distinta e resultante de actos vandálicos que se cebaron coas dependencias.
Dun xeito completamente inxustificado e sorprendente, o pé do lavabo destes aseos apareceu completamente rebentado e feito anacos no extremo contrario das dependencias. Os vándalos continuaron sementando danos manipulando a arrincando algúns elementos da instalación de fontanería destes sanitarios. Os feitos foron postos de inmediato en coñecemento dos axentes da Policía Local, que se presentou no punto para recoller a información oportuna.
Os danos neste aseo chegaron en mércores, nunha das dúas convocatorias feirais semanais do calendario estradense, e precisamente na que se celebra na Carballeira da Feira. Dende o Concello condénanse enerxicamente este tipo de actitudes incívicas, totalmente carentes de respecto polos bens e servizos comúns e afastadas de calquera xustificación.
Na intervención programada polo Concello hai uns meses, cambiouse por completo a cuberta destes aseos públicos e reparáronse os seus paramentos exteriores e interiores, ademais de substituír a pechadura. O servizo ábrese sempre que hai actividade no Campo da Feira, ben por coincidiren con xornada feiral ou ben pola celebración de eventos nas inmediacións. O cambio na súa operatividade, tendo en conta que antes estaba aberto as 24 horas, veu motivado polo feito de que, con relativa frecuencia, este espazo era foco de malas prácticas.
Os do Campo da Feira non foron os únicos baños públicos da vila en experimentar o desatino do vandalismo. Tamén as instalacións existentes na alameda municipal sufriron en varias ocasións danos nos elementos que ofrecen para brindar aos cidadáns este servizo de primeira necesidade. Estes aseos límpanse cada día para que poidan ofrecer a mellor imaxe e condicións para os usuarios.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)