Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today22 julio, 2025
Redacción, 22 de xullo de 2025 — O alcalde de Vedra, Carlos Martínez, fixo un balance detallado da lexislatura nunha entrevista emitida por Radio Líder Santiago e conducida polo xornalista Álvaro Veiga. Con 14 anos á fronte do goberno local, Martínez repasou os principais logros e retos afrontados nestes dous primeiros anos, deixando titulares clave sobre a xestión municipal, as prioridades sociais e o futuro político do concello.
“Foi un traballo soterrado, ingrato, impopular… pero necesario”, explicou o alcalde ao referirse ás decisións económicas tomadas para garantir a continuidade dos servizos municipais. A revisión de taxas e prezos públicos foi, segundo dixo, unha medida ineludible: “Non queríamos recortar servizos nin cargar os veciños cos impostos, así que buscamos un punto intermedio”.
Un dos anuncios máis importantes da conversa foi a reforma integral do Centro de Saúde de Vedra, que xa conta con convenio asinado e está ultimando o proxecto técnico. “Pensamos que as obras poderán comezar en 2026, probablemente cara á primavera”, apuntou Martínez, destacando a colaboración da Xunta de Galicia neste proxecto “tan demandado”.
A preocupación polos servizos sanitarios tamén se estende ao día a día das persoas maiores e dependentes. Por iso, o Concello está a tramitar un novo Centro de Día, previsto para reconverterse a partir dun espazo xa existente: a antiga Casa das Artes, xunto á gardería de San Fins de Sales. “É unha necesidade imperiosa. Hoxe en día, a conciliación familiar non é só cos nenos: tamén cos maiores ou enfermos”.
A entrevista tamén serviu para abordar o estado das pistas e vías municipais. Segundo o rexedor, “estamos asfaltando e reparando moitas pistas grazas aos programas das distintas administracións, pero non poderemos facer todo; esperamos que os veciños vexan avances reais neste mandato”.
A extensión da rede de auga potable e o alcantarillado é outro dos eixos fundamentais da acción de goberno. Actualmente, un 70% da poboación pode acceder á rede xeral de auga, pero aínda existen zonas sen servizo. “Queremos que, polo menos, todas as parroquias conten cun punto de conexión. O noso obxectivo é chegar ao 90% ou incluso ao 100%”.
No que respecta ao lixo e á reciclaxe, Martínez destacou a implicación veciñal: “Temos preto de mil contedores e estamos notando un incremento brutal na recollida do plástico. Iso é bo, pero tamén eleva os custos”.
O alcalde non escatimou críticas ao funcionamento da administración pública, especialmente no ámbito da tramitación de subvencións e fondos europeos. “Os concellos somos a administración máis próxima, pero temos que soportar unha burocracia excesiva. Moitas veces as entidades acaban renunciando ás axudas pola complexidade técnica”, advertiu.
Neste punto, quixo poñer en valor o traballo do equipo municipal: “Os empregados públicos de Vedra son auténticas máquinas. Grazas a eles, a administración segue funcionando”.
Carlos Martínez tamén falou sobre o seu futuro político, confirmando que se volverá presentar nas eleccións municipais de 2027. “Mentres manteña a ilusión e estea ao 100%, seguirei. Queremos resolver moitas cousas que aínda están pendentes”, declarou. E engadiu unha reflexión: “Un alcalde non gaña unhas eleccións; perdeas. Porque cos anos, normalmente fas máis inimigos que amigos, por non chegar a todo”.
Con oito edís no grupo de goberno (PP), tres do BNG e dous do PSdeG, o Concello de Vedra afrontará un cambio no número de concelleiros na vindeira lexislatura, reducindo de 13 a 11 pola caída demográfica: “O ano pasado naceron 25 persoas e morreron máis de 60. É unha tendencia moi difícil de reverter”.
A vida cultural e asociativa é, segundo Martínez, unha das maiores riquezas de Vedra. “O gran reto dos próximos anos será manter o que temos, porque cada vez é máis difícil”, afirmou. Apuntou tamén a importancia do terceiro sector: “A administración ten que deixar de estorbar e pasar a axudar. As entidades sociais chegan antes e mellor”.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)