AD

Comarca

Ames aproba o plan estratéxico de subvencións 2026-2027

today31 enero, 2026

Fondo
share close
AD

A Corporación municipal aprobou por unanimidade a adhesión á rede de entidades locais gandeiro cárnicas dependentes da FEMP e mailo convenio de colaboración para presentar de xeito agrupado con Brión unha solicitude de subvención para realizar un proxecto común para o desenvolvemento de proxectos de prevención de condutas aditivas. Tamén se aprobou por maioría absoluta o plan estratéxico de subvencións 2026-2027

Ademais aprobáronse dúas mocións do BNG para a recuperación e sinalización do trazado histórico alternativo do camiño de Santiago a Fisterra entre o Alto do Vento e o núcleo de Ventosa, e para a creación e regulación dun recargo no imposto de bens inmobles (IBI) para vivendas desocupadas con carácter permanente; e unha proposta do grupo municipal do Partido Popular solicitando unha actuación inmediata e definitiva na piscina descuberta de O Milladoiro ante anos de abandono, improvisación e mala xestión. Premendo nesta ligazón podes ver a gravación do pleno

Ames, 30 de xaneiro de 2026.- A Corporación municipal aprobou por unanimidade a adhesión á rede de entidades locais gandeiro cárnicas dependentes da FEMP e mailo convenio de colaboración para presentar de xeito agrupado con Brión unha solicitude de subvención para realizar un proxecto común para o desenvolvemento de proxectos de prevención de condutas aditivas. Tamén se aprobou por maioría absoluta o plan estratéxico de subvencións 2026-2027. Ademais aprobáronse dúas mocións do BNG para a recuperación e sinalización do trazado histórico alternativo do camiño de Santiago a Fisterra entre o Alto do Vento e o núcleo de Ventosa, e para a creación e regulación dun recargo no imposto de bens inmobles (IBI) para vivendas desocupadas con carácter permanente; e unha proposta do grupo municipal do Partido Popular solicitando unha actuación inmediata e definitiva na piscina descuberta de O Milladoiro ante anos de abandono, improvisación e mala xestión. Premendo nesta ligazón podes ver a gravación do pleno.

Antes de comezar o pleno os 21 concelleiros e concelleiras da Corporación municipal asinaron o Acordo de compromiso lingüístico do programa Modo Galego, actívao! Na actualidade estase desenvolvendo a cuarta edición deste proxecto de investigación-acción da Real Academia Galega e o Concello de Ames que explora novos xeitos de promover o uso do galego entre a xente nova e avaliar os resultados. A experiencia desenvólvese desde 2023 coa implicación do alumnado dos colexios públicos, as familias, o profesorado e persoal dos servizos complementarios de educación amesáns, e constitúe unha aposta singular no eido da dinamización lingüística de carácter integral, que se aplica tanto nos espazos escolares coma noutros contextos de socialización dos nenos e nenas nos que está implicada a administración local.

O pleno ordinario de xaneiro comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 359 decretos, do 4007 ao 4165 (159 decretos) de 2025, e do 1 ao 200 (200 decretos) de xaneiro de 2026. Neste apartado tamén se deu conta de catro actas de Xunta de Goberno Local correspondentes ao meses de decembro e xaneiro. Na parte resolutiva, o primeiro tema que se aprobou por unanimidade foi a acta da sesión ordinaria do mes de decembro celebrada o pasado 29 de decembro de 2025.

A continuación, aprobouse por unanimidade a adhesión á rede de entidades locais gandeiro cárnicas dependentes da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). O concelleiro de Xestión do Medio Natural, Javier Antelo, explicou que “esta rede está dirixida a favorecer a coordinación, cooperación e intercambio de experiencias e información. Dende esta rede apoiarase aos Concellos adheridos en formación e asistencia técnica e en temas tan relevantes como o é o relevo xeracional ou a captación de recursos e fondos económicos”.

Outro dos temas que se aprobaron por unanimidade foi o convenio de colaboración entre os Concellos de Ames e Brión, para o desenvolvemento conxunto do proxecto de prevención de condutas aditivas. Dito convenio é necesario para concorrer á liña de subvencións, para o cofinanciamento de proxectos de prevención de condutas aditivas promovidos por concellos, mancomunidades de concellos ou agrupacións de concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, para o período que vai do 1 de xullo de 2025 ao 30 de xuño de 2028.

A concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís, explicou que “a través do programa de prevención de condutas aditivas realízanse intervencións en diferentes ámbitos que son moi beneficiosas para toda a sociedade. No noso caso asinarase un convenio co Concello de Brión cando nos comuniquen a concesión de dita subvención. Este proxecto solicítase como concello agrupado por varios factores. Un deles é que agruparse con Brión é practicamente asegurarse a subvención. A agrupación serve para sumar esforzos e optimizar recursos, non para dividir o orzamento”.

Plan estratéxico de subvencións 2026-2027

Por outra banda, aprobouse o plan estratéxico de subvencións do Concello de Ames para o período 2026-2027. A duración do plan será de dous anos prorrogables por un ano máis mediante acordo expreso do Pleno da Corporación. Dito plan recolle unn gasto anual de 621.500 euros en concepto de subvencións municipais.  Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do goberno municipal e do BNG. Os concelleiros e concelleiras do Partido Popular e Espazo Común abstivéronse.

A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, destacou que “aqueles Concellos que pretenden outorgar subvencións deben aprobar o seu correspondente plan. As diversas axudas que se recollen en dito plan suman un importe anual de 621.500 para a concesión de subvención en distintos ámbitos, que se desenvolven no noso concello e que fan de Ames un municipio máis dinámico e participativo, xa que axudan a fomentar actividades de interese público, apoio e inclusión social, económica e cultural, que benefician á comunidade amesá”.

O Concello concede ditas subvencións a favor de persoas, asociacións ou entidades privadas coa finalidade de fomentar a realización de actividades de utilidade pública ou interese social ou para promover a consecución de fins públicos atribuídos á competencia local.

Apartado de mocións e propostas

Ademais, aprobáronse dúas mocións presentadas polo grupo municipal do BNG. A primeira moción, aprobada por unanimidade, tratou sobre a recuperación e sinalización do trazado histórico alternativo do camiño de Santiago a Fisterra entre o Alto do Vento e o núcleo de Ventosa.

Na segunda moción do BNG abordouse a creación e regulación dun recargo no imposto de bens inmobles (IBI) para vivendas desocupadas con carácter permanente. Esta segunda moción foi aprobada co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do BNG e do grupo de goberno. Os concelleiros e concelleiras do Partido Popular e Espazo Común votaron en contra.

Por último, aprobouse unha proposta do grupo municipal do Partido Popular solicitando unha actuación inmediata e definitiva na piscina descuberta de O Milladoiro ante anos de abandono, improvisación e mala xestión. Dita proposta aprobouse co vota a favor dos concelleiros e concelleiras do Partido Popular, BNG e Espazo Común. Os concelleiros e concelleiras do grupo de goberno abstivéronse.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *