Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today9 julio, 2026
Actuarán en Ames algunhas das mellores orquestras: Olympus, América de Vigo, Paris de Noia, Finisterre, Suavecito, entre outras. Ademais contarase coa actuación do grupo De Ninghures; de varios djs coma Kike Varela, Sonic e Marcos Magán; e discos móbiles
O cartel tamén recolle a segunda edición do Festival Emerxente e unha nova edición da Romaría Urbana. Haberá dous pregóns: un de inicio das festas no Milladoiro e outro de peche en Bertamiráns
Ames, 9 de xullo de 2026.- Por quinto ano consecutivo o Concello de Ames, a Asociación de Festas do Milladoiro e a Comisión de Festas de Bertamiráns, colaboran para organizar 10 días de festexos no cartel “Ames en Festas 2026”, que xunta as festas da Madalena do Milladoiro, do venres 31 de xullo ao martes 4 de agosto, e as festas da Peregrina de Bertamiráns, do mércores 5 ao domingo 9 de agosto. Actuarán en Ames algunhas das mellores orquestras: Olympus, América de Vigo, Paris de Noia, Finisterre, Suavecito, entre outras. Ademais contarase coa actuación do grupo De Ninghures; de varios djs coma Kike Varela, Sonic e Marcos Magán; e discos móbiles. O cartel tamén recolle a segunda edición do Festival Emerxente e unha nova edición da Romaría Urbana. Haberá dous pregóns: un de inicio das festas no Milladoiro e outro de peche en Bertamiráns.
Os dous núcleos principais de Ames, O Milladoiro e Bertamiráns, volven a celebrar un ano máis as súas festas da Madalena e da Peregrina de xeito conxunto, nunha programación que encadea 10 días seguidos de troula dende o venres 31 de xullo ata o domingo 9 de agosto. “Ames en Festas” é o nome deste cartel, no que este ano colaboran o Concello de Ames, a Asociación de Festas do Milladoiro e a Comisión de Festas de Bertamiráns.
Deste xeito, ao longo destas 10 xornadas festivas, haberá propostas musicais para todos os públicos e gustos, nos que actuarán as mellores orquestras da verbena galega pero tamén haberá oco para os artistas e grupos emerxentes ou o pop e rock, entre outros xéneros musicais, en galego.
O programa foi presentado esta mañá no parque do Ameneiral, en Bertamiráns, no que participaron o alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García; a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez; a xerente da Xuntanza de Empresarios de Ames, Beatriz López, así como María Gestoso, en representación da Comisión de Festas de Bertamiráns; e José Luís Vázquez e Rubén Maceiras, en representación da Asociación de Festas do Milladoiro.
M
Semana grande das festas de Ames
O alcalde de Ames e concelleiro de Cultura, Blas García, dixo “en primeiro lugar quero agradecer a colaboración que temos das dúas comisións de festas e de XEA. O obxectivo desta programación é celebrar a semana grande das festas de Ames. Ata o de agora creo que o fixemos con éxito xa que é algo que lle gusta a cidadanía. Seguimos coa mesma liña de sempre facendo unhas festas para todos, onde se mistura a cultura tradicional da verbena con actividades para a mocidade como é festival emerxente, que puxemos en marcha o pasado ano con bastante éxito de público. Este ano damos un paso máis neste festival traendo a un artista coñecido como é Lg1do, pero ao mesmo tempo seguimos coa idea de traer xente nova e grupos emerxentes para que dispoñan dun espazo para darse a coñecer”.
Blas García tamén indicou que “como soe ser habitual as festas do Milladoiro comezan co Millarock, e en Bertamiráns o venres 7 teremos a un grupo galego que está moi de moda como é De Ninghures. O ano pasado intentámolo traer pero non puido ser, e finalmente actuará este ano en Ames. Ademais, hai que destacar o apoio aos grupos locais de música tradicional, xa que a maior parte dos grupos que van facer os pasarrúas son de Ames, e imos a ter o mércores 5 ao grupo Galicia 76, que naceu en Bugallido, e que se volveron a unir este ano para celebrar 50 anos de historia”.
A técnica do departamento de Cultura, María Vázquez, destacou que “o Ames en Festas 2026 recolle unha programación feita en conxunto cos asociacións de festas do Milladoiro e de Bertamiráns. Traballar de xeito conxunto co tecido asociativo de Ames é un exemplo de boas prácticas na xestión cultural e sociocultural. Este ano temos un programa moi amplo e diverso, que está dirixido a todos os públicos e para todos os gustos, que comezará o día 31 de xullo no Milladoiro e rematará en Bertamiráns o 9 de agosto. Quero resaltar o Millarock como punto de arrinque, xa que é un festival cunha longa traxectoria e no que van a actuar grupos locais e da contorna, e tamén o concerto de De Ninghures no parque do Ameneiral, en Bertamiráns”.
María Gestoso, en representación da Comisión de Festas de Bertamiráns, dixo que “temos un cartel cheo de música para todos os gustos. En Bertamiráns temos orquestras como a América, París de Noia, Miramar, Finisterre e Suavecito. Tamén hai que destacar o festival de grupos emerxentes e mailo concerto do De Ninghures. Un ano máis apostamos pola Romaría Urbana do Ameneiral na que haberá moita música e gastronomía. Ademais, contamos con bandas de música, charangas e grupos de música tradicional. Polo tanto, temos un programa de festas moi variado”.
Rubén Maceiras, en representación da Asociación de Festas do Milladoiro, agradeceu “a todos os negocios, comercio e hostalaría do Milladoiro, a XEA e ao Concello de Ames por facer posible estas festas que están dirixidas a todos os públicos. No Milladoiro imos a ter aos Djs Sonic, Kike Varela, Magán; orquestras como Assia, Olympus, Capitol, Impacto e Gin Toni´s; así como o festival Millarock con grupos moi diversos e apostando por xente da zona”.
A xerente da Xuntanza de Empresarios de Ames, Beatriz López, agradeceu o traballo realizado polo Concello de Ames e polas comisións de festas. “Son días moi importantes para o comercio e para a hostalaría porque hai moito traballo e animo a todas as persoas implicadas a seguir traballando nesta mesma liña para ter estas grandes festas”.
Festas da Madalena no Milladoiro
Desde o venres 31 de xullo, O Milladoiro celebrará as festas da Madalena, que comezarán co festival Millarock, na Travesía do Porto e no Anfiteatro do Milladoiro, onde actuarán os grupos Tentáculo Rock, Extrema Función, Familia Caamagno, Sr Salvaje e Factoría de Subsistencia. Tamén haberá persoal da escola de rock “A Casa do Rock” encargada dos concertos didácticos e de impartir obradoiros musicais coa proposta “Merenda Rock”.
O sábado 1 de agosto realizarase o pregón de inicio das festas no Milladoiro e contarase coas actuacións da banda Gin Toni´s, da disco móbil Son de Festa con DJ Sonic, e cos Retranqueiros. O domingo 2 de agosto haberá sesión vermú e está prevista a actuación da orquestra Capitol, da disco móbil Chocolate, do grupo de música tradicional Os Castros e da Banda de música de Noia.
O luns 3 contarase coas actuacións do grupo Assia, da orquestra Impacto, do DJ Marcos Magán e do grupo de música tradicional Airiños do Paseo do Colón. As festas da Madalena pecharanse o martes 4 de agosto coa actuación da orquestra Olympus, o DJ compostelán Kike Varela e a disco móbil CDC.
Festas da Peregrina en Bertamiráns
Pola súa banda, Bertamiráns dará comezo ás festas da Peregrina o mércores 5 de agosto coa charanga TNT, a orquestra América de Vigo e o grupo de música tradicional Airiños do Paseo do Colón. O día 5 tamén actuará no parque do Ameneiral o grupo Galicia 76, creado na parroquia de Bugallido, e que este ano celebra os seus 50 anos de historia. O xoves 6 será un dos días máis destacados, coas actuacións da orquestra Paris de Noia e a da charanga Compostela. Nesta xornada tamén se vai a celebrar o Festival Emerxente no parque do Ameneiral.
De seguido, o venres 7 de agosto, chegará outro dos pratos fortes das festas, co concerto da banda de folk galego De Ninghures no parque do Ameneiral. Como grupo caracterízase pola mestura de ritmos e sons de raíz galega cos equivalentes doutros pobos ibéricos, latinoamericanos ou magrebís. A comezos do 2025 publicaron o seu segundo álbum, Feira. Ademais, nesta xornada contarase coas actuacións da charanga Os Celtas, e da orquestra Miramar.
Para o sábado 8 está prevista a actuación do grupo de música tradicional Airiños do Paseo do Colón e da orquestra Finisterre. O sábado tamén se vai a celebrar unha nova edición da Ameneiral Romaría Urbana. O domingo 9 de agosto realizarase o pregón de peche das festas e haberá sesión vermú. As festas pecharanse coas actuacións da Requinta da Maía, a Banda de música de Brión e da orquestra Suavecito.
Festival Emerxente
O parque do Ameneiral, en Bertamiráns, acollerá o xoves 6 de agosto a segunda edición do Festival Emerxente, unha iniciativa que ten como obxectivo ofrecer aos artistas mozos e emerxentes do concello, e da súa contorna, unha plataforma onde poder presentar os seus traballos en directo. Este ano contarase como cabeza de cartel co artista Lg1do, e coas actuacións de Alddara, Fran S. Laurent, Metan e Dupliss.
Romaría urbana
Ademais, como parte das festas da Peregrina, celebrarase a unha nova edición da Romaría Urbana, que terá lugar no parque do Ameneiral o sábado 8 de agosto. Comezará cunha sesión vermú. Ao longo de toda a tarde haberá diversas actuacións musicais a cargo de Tabernarias, Moel, Berlai, Maneiro e da orquestra Neverloura.
Ao longo de toda a xornada haberá diferentes postos para poder xantar, obradoiros, inchables para os máis pequenos e moita música en directo. A través desta iniciativa, trátase de levar a festa ao centro de Bertamiráns, para que a veciñanza poida gozar desta romaría e fomentando así o consumo nos establecementos comerciais e hostaleiros da localidade.
Escrito por Líder Redacción




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)