AD

Comarca

Ames impulsará unha nova campaña dos Bonos Consuma cun investimento de 60.000 euros

today18 noviembre, 2025

Fondo
share close
AD

 

  • Aprobouse por unanimidade un suplemento de crédito, financiado con remanente de tesourería, para poñer en marcha unha nova campaña dos Bonos Consuma, tralo éxito desta iniciativa no comercio local durante os últimos catro anos. O importe da campaña ascende a 60.000 euros
  • Ademais, deuse conta da renuncia de Carmen Porto Rey como concelleira de Planificación e Xestión Educativa e Mocidade. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames

Ames, 18 de novembro de 2025.- Hoxe martes, 18 de novembro, celebrouse un pleno extraordinario no que se aprobou por unanimidade un suplemento de crédito, financiado con remanente de tesourería, para poñer en marcha unha nova campaña dos Bonos Consuma, tralo éxito desta iniciativa no comercio local durante os últimos catro anos. O importe da campaña ascende a 60.000 euros. Ademais, deuse conta da renuncia de Carmen Porto Rey como concelleira de Planificación e Xestión Educativa e Mocidade. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá unha sesión extraordinaria na que se deu conta da renuncia de Carmen Porto Rey como concelleira de Planificación e Xestión Educativa e Mocidade. Carmen Porto explicou “hai uns días que presentei a miña dimisión e hoxe é o día de poñer fin a miña experiencia neste Concello. Entrar na política municipal foi unha oportunidade que vivín con ilusión, con responsabilidade e con compromiso, na que aprendín moitas máis cousas das que imaxinaba e onde se me brindou a oportunidade de dirixir departamentos como educación e mocidade, unhas áreas sensibles e das máis gratificantes dun Concello como o noso”.

A continuación fixo un breve repaso do que supuxo para ela este período no goberno municipal. “Nestes dous anos e medio traballouse intensamente para mellorar e garantir a sostibilidade dos servizos de conciliación, modificando a ordenanza e regulamento destes servizos, ao igual que a modificación da ordenanza e regulamento das escolas infantís municipais. Ademais, púidose materializar a inauguración da Cociña central municipal e apoiouse aos centros educativos nas súas demandas ante outras entidades, ao mesmo tempo que esta administración asumiu o mantemento destes centros. Un traballo que a simple vista pode parecer sinxelo, pero que nalgúns momentos non o foi, xa que nalgúns momentos faltaron medios humanos e materiais, e levando tan só un ano e medio tiven que facer fronte a unha moción de reprobación, provocada por faltas de respecto que sufrín e quixen facer públicas, e un norovirus días despois, onde se acusou falsamente a esta Concellaría de ser a culpable”.

“Na área de mocidade tamén se acometeu un traballo importante con impulso de proxectos para promover o asociacionismo na xuventude, creando o Club da Mocidade e tamén se mellorou a infraestrutura da Factoría en Biduído e aprobouse o seu respectivo regulamento. Recentemente creouse o Consello municipal da Xuventude para atender as demandas da xente máis nova que ten moito que dicir. Por todo isto e máis quero dar as grazas a todos os traballadores municipais que cada día me axudaron e asesoraron. Tamén a todo o persoal do departamento de Educación e á técnica de Mocidade, a brigada de obras, aos equipos directivos dos centros e das escolas infantís municipais, a entidades e asociacións e aos veciños e veciñas que confiaron en min, aos meus compañeiros e equipo de goberno, e en espacial aos nenos e nenas e mocidade deste concello, que foron o meu motor e me ensinaron que debemos garantir unha educación e uns servizos acordes á demanda dos tempos actuais. Os valores que me ensinaron dende que era pequena son os que me impulsaron no seu día a aceptar esta oportunidade e son estes mesmos valores os que hoxe fan afastarme do mundo da política. Grazas a todos e todas polo apoio, comprensión e por acompañarme neste camiño. Vémonos por Ames”.

Intervención das/os voceiras/os dos grupos municipais

A voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo “ante todo quero darche os parabéns polo traballo que fixeches e desexarche o mellor no persoal e profesional. Tocáronche unhas concellarías das máis bonitas do Concello, pero das máis difíciles, e ti sábelo ben porque sufríchelo. Como dicía Paulo Coelho: vivir é tomar decisións e asumir as súas consecuencias. Tomar a decisión que tomaches hoxe non é fácil, é unha decisión moi difícil e iso demostra moita valentía pola túa parte, e os valores que che inculcaron así o demostran, por iso o único que mereces é todo o meu respecto e do meu grupo pola decisión que acabas de tomar, e non o tomes como un punto e aparte, tómao como un punto e seguido, a vida moitas veces pon atrancos, pero as decisións que tomas forman parte da túa vida e vante formar como persoa, polo tanto vante facer máis forte, e quizais quen sabe te vexamos noutra lexislatura máis adiante”.

Na súa intervención, a voceira do BNG, Escarlata Pampín, subliñou que “dende o noso grupo respectamos profundamente a decisión e aínda que neste caso non exista unha relación próxima co BNG, quero expresar con honestidade o agradecemento pola túa valentía porque non é doado asumir unha responsabilidade pública, expoñerse, tomar decisións e dedicar tempo e esforzo a prol da veciñanza. Ese compromiso sempre ten que merecer o noso maior respecto e recoñecemento. Tamén quero salientar que máis alá das diferenzas, hai algo que nos une que é o amor polo concello que nos viu medrar ás dúas. Por encima das diferenzas, temos o mesmo obxectivo de querer contribuír ao benestar e ao futuro de Ames”.

A voceira do Partido Popular, Oliva Agra, dirixiuse a Carmen Porto dicíndolle que “definiríate en tres palabras, valente, por pertencer a unha lista sendo tan nova, porque ao final a política non é tan fácil, e tamén por tomar esta decisión, porque outra persoa no teu caso esperaría a que rematara a lexislatura. Despois o compromiso que tiveches cos teus veciños, sobre todo coa comunidade educativa no tempo que estiveches no cargo e, por último, a dedicación. Como todos os que estamos aquí, nós non temos un horario normal e hai días nos que tes que deixar á túa familia e aos teus amigos. Desde o grupo municipal popular, desexarche o mellor e que sempre hai tempo para volver”.

O voceiro do partido socialista, Víctor Fernández, dixo “para nós como grupo socialista, xa sabes que é un día triste, pero tamén nos alegramos por ti, porque sabemos que é unha decisión madura e meditada. Foi un gran descubrimento traerte para a política. Aínda que hoxe renuncies tes por diante, se así o desexas, todo un camiño de cara ao futuro.

Traballaches con moita dedicación, responsabilidade e compromiso cos teus compañeiros e coas túas concellarías, que son a sinal de identidade deste concello. Fuches valente nas decisións que tomaches. Atopamos en ti unha persoa cálida, próxima e sempre disposta a botar unha man aos teus compañeiros. Desexámosche o mellor, non che dicimos adeus, isto é unha continuidade no teu camiño profesional”.

Pechou a quenda de intervencións o alcalde, Blas García, que destacou “recordo o día que coñecín a Carmen. Coñecina en Tapia nas visitas que facemos ás parroquias e chocoume ver a unha rapaza tan moza nunha reunión, na que a media de idade dos asistentes, se quitásemos a Carmen, podía ser de 60 anos. Volveu acudir a estas reunións e amosou a súa preocupación polos distintos temas da súa parroquia e volvemos atoparnos por Ames, e recordo o día que a invitei a vir na candidatura, pensei que o ía a pensar, pero xa me dixo que si. Podías ver nela a ilusión e as ganas dunha persoa que estaba involucrada. Nestes dous anos vivimos moitas cousas, sobre todo ela. Debemos de facer unha reflexión colectiva do que algunhas veces facemos, a política é política, témolo todos claro, pero ao final todos somos persoas. Temos que facer unha reflexión para saber onde está o límite e ata onde podemos chegar”.

O rexedor municipal engadiu “eu a Carmen só podo amosarlle a miña gratitude e o meu respecto, por involucrarse en política, que non é doado hoxe en día. Teño que amosarlle a miña gratitude non só como alcalde, senón tamén a nivel persoal, por momentos duros que vivimos, ela máis que min porque era unha área dela, sobre todo cando foi o norovirus en Ventín. Carmen sempre estivo aí cando necesitaba estar, tanto a nivel político como a nivel persoal. Para min é un día triste porque téñoche moito aprecio e moito respecto. Eu vou estar aí para o que necesites, espero seguir mantendo esa relación que tíñamos e deséxoche o mellor. Este é o teu Concello e tes as portas abertas, e gracias por acompañarnos nesta andaina”.

Aprobación do suplemento de crédito 4/2025

No segundo punto da orde do día abordouse a aprobación do suplemento de crédito 4/2025, financiado con remanente de tesourería, para gastos xerais por baixas por anulacións, co obxectivo de poñer en marcha unha nova campaña dos Bonos Consuma. Este punto foi aprobado por unanimidade de toda a Corporación municipal.

Esta campaña ten como obxectivo contribuír a dinamizar as vendas e reforzar o consumo de proximidade, garantindo así o mantemento do comercio como motor económico e como servizo público de primeira necesidade. O importe da campaña ascende a 60.000 euros, importe que non estaba previsto nos créditos inicias do orzamento municipal para o exercicio 2024 prorrogado para 2025, polo que é necesario dotar de crédito adecuado e suficiente a través dunha modificación de crédito.

A través desta liña de axudas, o Concello pretende apoiar directamente os pequenos establecementos comerciais, fomentando o acceso da cidadanía ao comercio da súa contorna. O comercio de proximidade desempeña unha función esencial non só dende o punto de vista económico, senón tamén social, actuando como xerador de emprego e como elemento de cohesión comunitaria.

Esta campaña non pode demorarse ata o exercicio 2026, xa que é neste momento cando o Concello dispón do financiamento necesario. Ademais, a súa posta en marcha a finais do exercicio, coincidindo coa campaña de Nadal, permitirá incentivar que a poboación realice as súas compras no comercio local, evitando así o desprazamento a outros concellos de maior tamaño.

O importe da campaña ascende a 60.000 euros e vai ser sufragado con 20.000 euros de crédito sobrante da convocatoria de subvencións da promoción do comercio 2025, e 40.000 euros procedentes do remanente de tesourería para gastos xerais.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *