Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today4 febrero, 2026
O Pleno aprobou por maioría absoluta este mércores, 4 de febreiro, a participación do Concello de Ames no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concello) “POS+ 2026” da Deputación provincial da Coruña. O Concello de Ames vai destinar 1.148.543,37 euros para sufragar seis obras incluídas no POS principal e 400.000 euros para o financiamento de gasto corrente
Ademais, dentro do plan complementario inclúense 21 proxectos. Algúns deste proxectos poderanse executar en función do remanente que se lle asigne ao Concello de Ames a través de plans adicionais
Tamén se aprobou a participación no POS+ Adicional 3/2026, dotado con 273.272,36 euros, para a redución da débeda coa Deputación pola utilización do préstamo provincial nos Plans 2015 a 2023. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames
Ames, 4 de febreiro de 2026.- O Pleno aprobou por maioría absoluta este mércores, 4 de febreiro, a participación do Concello de Ames no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concello) “POS+ 2026” da Deputación provincial da Coruña. O Concello de Ames vai destinar 1.148.543,37 euros para sufragar seis obras incluídas no POS principal e 400.000 euros para o financiamento de gasto corrente. Ademais, dentro do plan complementario inclúense 21 proxectos. Algúns deste proxectos poderanse executar en función do remanente que se lle asigne ao Concello de Ames a través de plans adicionais. Tamén se aprobou a participación no POS+ Adicional 3/2026, dotado con 273.272,36 euros, para a redución da débeda coa Deputación pola utilización do préstamo provincial nos Plans 2015 a 2023. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.
En primeiro lugar aprobouse por unanimidade unha emenda para incluír na orde do día a participación no POS+ Adicional 3/2026 para redución da débeda de 76 concellos coa Deputación pola utilización de préstamo provincial nos plans 2015 a 2023, aplicando a contía que corresponde ao Concello de Ames, que ascende a 273.272,36 euros, para a redución da débeda coa Deputación Provincial pola utilización do préstamo provincial do Plan de Aforro e Investimento (PAI) 2015 e 2016 e Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de competencia municipal, Plan Unico de concellos (POS+) 2017 a 2023.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, foi o encargado de expoñer os proxectos que se inclúen no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concello) POS+ 2026 da Deputación provincial da Coruña. Este punto saíu adiante co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, do BNG e de Espazo Común. Os/as edís do Partido Popular abstivéronse.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos dixo “como todos os meses de febreiro traemos a pleno a aprobación do POS, neste caso o do exercicio 2026, que está composto por tres apartados, un deles xa foi aprobado no pasado pleno ordinario de decembro que é o POS social dotado con 182.181,57 euros. Hoxe o que se trae a pleno é a achega do PAI para o pago da débeda coa Deputación da Coruña do Plan de Aforro e Investimento por un importe de 273.272,36 euros, e o plan de obras de 2026 que está dotado de 1.548.543,37 euros para sufragar seis proxecto e gasto corrente”.
Gustavo Nieto tamén destacou que “ano tras ano a Deputación da Coruña nas partidas iniciais do POS vai incrementando paulatinamente o importe económico que nos concede. Para este ano 2026 xa dispoñemos en principio con máis de dous millóns de euros. Xa dispoñermos de 55.000 euros máis que o ano pasado. Ademais este é un plan moi importante porque somos os propios Concellos os que decidimos as obras que imos a facer. Do importe total de 1.548.543,37 euros, 400.000 vanse dedicar a gasto corrente, e 1.148.543,37 euros son para seis proxectos de obras. O que tratamos con este plan de obras é facer proxectos novos, pero tamén obras de mantemento. Nos últimos anos estivemos facendo obras de mellora dos interiores dos núcleos rurais, pero agora é necesario manter o existente. Neste plan tratamos de incluír proxectos que nos solicitaron os veciños e mailos grupos políticos municipais no pleno polo que fixemos un POS moi amplo”.
Intervención dos grupos da oposición sobre o plan de obras
A voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo “o POS permítenos facer investimentos no concello que doutro xeito sería imposible. Estamos falando de algo máis de 1,5 millóns de euros que se reparten entre gasto corrente e obras. Non estamos de acordo con dito reparto porque o que se dedica a gasto corrente réstase aos investimentos. Ademais, destinar dito importe a gasto corrente desvirtúa os obxectivos deste plan e pon en evidencia a dependencia que temos de financiamento externo e a falta de recursos que ten o noso Concello para poder facer fronte aos gastos de xestión ordinaria. O resto da contía irá destinado a 6 proxectos que unidos aos 21 proxectos do POS complementario, son 27 actuacións que se pretenden facer no noso concello e que se redundarán no benestar da veciñanza. As nosas propostas foron dirixidas a mellorar a accesibilidade para incluír o arranxo de beirarrúas e pasos de peóns para que fosen totalmente accesibles e tamén obras de mantemento. Agradecerlle ao concelleiro a inclusión dalgunhas das peticións feitas por Espazo Común”.
A voceira do BNG, Escarlata Pampín, destacou que “este plan é moi valioso para os Concellos porque se reparte atendendo a criterios obxectivos, imparciais e do xeito máis xusto posible, independentemente da cor política de cada Concello, algo que non sucede con outras administracións gobernadas polo Partido Popular. Con esta achega poderemos realizar un total de seis actuacións. Tamén quero poñer de manifesto que o goberno municipal reuniuse co BNG para falar e non para negociar este plan. Queremos amosar a nosa preocupación polo proxecto da senda que vai dende A Ponte Maceira ata Carballo, na parroquia de Trasmonte, xa que é unha reivindicación veciñal de hai preto de 10 anos, polo que reclamamos maior dilixencia por parte do goberno municipal para arranxar os requirimentos de Patrimonio. Agradecemos e ao mesmo tempo lamentamos que só dúas das nosas propostas foran incluídas no POS”.
A voceira do Partido Popular, Oliva Agra, explicou que “este plan debería ser unha ferramenta estratéxica para mellorar a vida da veciñanza de Ames, pero lamentablemente volve a converterse nun exercicio de parcheo, improvisación e falta de ambición. Se entramos no contido deste POS+ 2026 comezamos cun dato moi significativo que é que 400.000 euros do plan destínanse a gasto corrente. Os plans provincias non están para tapar buratos de xestión, están para crear infraestruturas, mellorar servizos e transformar aos concellos. Non entendemos que con eses 400.000 euros non se financien obras que xa están incluídas no POS complementario. Unhas obras que para nós neste ano 2026 son un servizo básico e urxente como o acondicionamento do acceso ao novo CEIP do Milladoiro e o arranxo da cuberta do pavillón do Milladoiro. Trátase dun plan complementario inflado e sen prioridades claras. O plan complementario é unha lista de desexos de obras que o Concello quere facer, pero que non depende do Concello, senón do que nos dea a Deputación”.
Resposta por parte do goberno municipal
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, respondeu á oposición que “este goberno tamén preferiría meter todo o importe do POS en obras, pero deberíamos ter en conta que hai Concellos que van a destinar todo o importe do POS a gasto corrente. Cada grupo municipal faría o seu propio plan de obras, este é o noso que ten o obxectivo de manter as nosas estradas e camiños. No POS complementario hai obras que teremos que facer como é o arranxo diante do novo colexio do Milladoiro, que se as obras van a bo ritmo, se fará, e senón incluiranse outros proxectos”.
O alcalde, Blas García, dixo “coincido co tema do gasto corrente que dixeron nas súas intervencións. Sempre tivemos o criterio de que se era posible, non dedicar a gasto corrente parte do importe do POS, pero xa o tivemos que facer nalgunha ocasión anterior, e nesta ocasión tivemos que volvelo a facer, para poder encaixar o novo orzamento de 2026 que queremos traer a pleno proximamente. Pero non é a primeira vez que se trae gasto corrente dentro do POS, algúns grupos que gobernaron anteriormente dedicaron máis de 500.000 euros a gasto corrente. Seguramente non sexa a última vez”.
Achega provincial de 2025 e 2026
O plan principal (Achega 2025 e Achega 2026) está dotado de 1.548.543,37 euros para sufragar seis proxecto e gasto corrente.
Deste xeito, con cargo á Achega provincial de 2025 vanse a sufragar catro proxectos: a pavimentación de viarios en Agro do Muíño e outro (229.991,04 euros); a pavimentación de viarios de acceso a Leboráns (43.128,84 euros); a mellora e acondicionamento do parque da rúa Pardiñeiros, no Milladoiro (299.908,06 euros); e mailo acondicionamento das beirarrúas na avenida da Maía (224.016,44 euros). Estes catro proxectos suman un importe total de 797.044,38 euros.
Ademais, o Concello de Ames sufragará dúas actuacións a través da Achega provincial de 2026, que está dotada de 351.498,99 euros: a pavimentación do viario en Guimaráns e outros (165.112,16 euros); e a pavimentación do viario Quintáns-Cortegada e outros (186.386,83 euros). Por outra banda, dedícanse 400.000 euros a gasto corrente.
Plan complementario de 2026
O Plan complementario de 2026 inclúe investimentos financeiramente sostibles. Neste plan inclúense 21 proxectos que contan cun orzamento base de licitación total de 3.796.780,91 euros. Ese plan complementario contempla actuacións nas parroquias de Ames, Biduído, Bugallido, Trasmonte, Tapia, Agrón, Ortoño, Covas, O Milladoiro e Bertamiráns.
Deste xeito, inclúense obras da pavimentación de viarios na aldea de Pedrouzos (327.094,01 euros); a mellora da seguridade viaria de Costoia-A Moniña e outro (232.289,80 euros); a execución de obras de drenaxe transversal (ODT) en Pedras (53.241,28 euros); o reforzo de infraestruturas do plan especial para dotación escolar no Milladoiro (289.847,95 euros); a mellora de viarios nas Buceleiras (176.284,95 euros); o acondicionamento do entorno recreativo da urbanización de As Mimosas (76.192,08 euros); e a mellora da seguridade viaria no acceso de Sorribas (97.971,73 euros).
Ademais, contémplase a mellora da seguridade viaria en Trasmonte-Sorribas (145.935,93 euros); a mellora da seguridade viaria dende Frenza ata a capela da Madalena en Tapia (153.967,51 euros); a pavimentación do viario Calo-A Garea e outro en Agrón (81.119,30 euros); a pavimentación de viarios no núcleo de Oca en Ames (206.033,48 euros); a mellora da seguridade viaria no núcleo de Sisalde (166.514,72 euros); a pavimentación da rúa Cereixos, no Milladoiro, e outra (137.444,88 euros); e os arranxos no Centro de formación do Concello de Ames (335.673,49 euros).
Por último, dentro do plan complementario recóllese o acondicionamento de marxes en Castelo-Lombao e outros (177.953,99 euros); o acondicionamento da Travesía do Pedregal en Bertamiráns (164.968,97 euros); a pavimentación do viario de acceso a Casanova, en Biduído, e outro (103.071,21 euros); a pavimentación de viarios en Ortoñiño (181.678 euros); o acondicionamento da Travesía da Moa, Eira de Abaixo e Seidón, no Milladoiro (159.753,11 euros); a substitución da cuberta no polideportivo de O Milladoiro (227.341,91 euros); e o acondicionamento da rúa Travesa, no Milladoiro (302.402,61 euros).
Redución da débeda
Por outra banda, aprobouse a participación no POS+ Adicional 3/2026 para a redución da débeda de 76 concellos coa Deputación pola utilización do préstamo provincial nos Plans 2015 a 2023. Deste xeito, dedicarase o importe de 273.272,36 euros para a redución de dita débeda, para a redución da débeda coa Deputación Provincial pola utilización do préstamo provincial do Plan de Aforro e Investimento (PAI) 2015 e 2016 e Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de competencia municipal, Plan Unico de concellos (POS+) 2017 a 2023.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)