AD

Destacado

Artesana, Bodeguilla de Santa Marta e La Morena, gañadores do XVII Santiago(é)Tapas

today16 marzo, 2026

Fondo
share close
AD
  • O concurso gastronómico superou as 33.000 tapas vendidas e xerou un impacto económico directo de máis de 150.000 euros

O concurso gastronómico Santiago(é)Tapas puxo o broche final á súa décimo sétima edición cun acto de entrega de premios celebrado na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. O certame, organizado por Turismo de Santiago co apoio da Deputación da Coruña e encadrado na marca Compostela Gastronómica, recoñeceu as mellores propostas culinarias entre as 73 tapas presentadas por 47 locais da cidade.

Os tres principais galardóns recaeron en Artesana, coa tapa ‘Castelo da Rocha’, que recibiu o premio Deputación da Coruña á Mellor Tapa Creativa; a Bodeguilla de Santa Marta, gañadora do premio Compostela Gastronómica á Mellor Tapa Tradicional coa súa ‘Crocante de bacallau á galega’; e La Morena, que obtivo o premio á Mellor Tapa Doce con ‘Ópera de Sordo’. Cada un destes premios está dotado con 1.000 euros. Ademais, a proposta de Artesana representará a Santiago no concurso De tapas por Galicia organizado por Turismo de Galicia.

Ao acto asistiron a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a concelleira de Turismo, Míriam Louzao; representantes da Corporación municipal; o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; e o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), Martín Alemparte, ademais de representantes de entidades e empresas colaboradoras.

Durante a súa intervención, a alcaldesa destacou o impacto económico do certame, que superou os 150.000 euros, e salientou o papel desta iniciativa como dinamizadora do sector hostaleiro durante a tempada baixa. Nesta edición vendéronse máis de 33.000 tapas, o que supón un incremento do 10 % respecto ao ano anterior e máis do 30 % en comparación coa edición precedente.

Pola súa banda, a concelleira de Turismo subliñou a consolidación de Santiago(é)Tapas como un referente na promoción gastronómica da cidade. Segundo explicou, o turismo gastronómico contribúe a impulsar un modelo turístico sustentable e rendible que tamén xera valor engadido para a cidadanía compostelá.

No acto tamén se puxo en valor a traxectoria de Xavier Míguez, da Bodeguilla de San Lázaro, o único establecemento que participou en todas as edicións do concurso desde a súa creación en 2008.

Ademais dos premios principais, o xurado profesional outorgou outros recoñecementos. O premio Ponte da Boga á Mellor Tapa en maridaxe con viño foi para ‘Castelo da Rocha’ de Artesana, mentres que o premio Estrella Galicia á Mellor Tapa en maridaxe con cervexa recaeu en ‘Románico de transición’ do Suso. O premio Calidade Diferenciada á Mellor Tapa con produtos con DOP, IXP ou produción ecolóxica foi para ‘Cáeche a babilla’ de Pico de Galo.

Na categoría vexetariana ou vegana, o galardón Cash Record foi para ‘Dobre cacao’ de A Moa, mentres que o premio ACEGA á Mellor Tapa Sen Glute foi para ‘Alfábega e cítricos’ do establecemento A Maceta.

Os dez locais finalistas recibiron tamén unha chaquetiña cortesía da empresa Allwork. Entre eles figuraron A Maceta, A Moa, Artesana, Bodeguilla de Santa Marta, El Rincón de Yobeida, La Morena, Orixe, O Sendeiro, Pico de Galo e Suso.

Durante o acto tamén se realizou o sorteo dunha estadía de dúas noites con almorzo no Hotel Gaio 7 entre todas as persoas que participaron na votación do público a través dos códigos QR dispoñibles nos locais participantes. Ademais, ao longo do certame repartíronse 347 lotes de premios entre o público que completou as diferentes rutas do Tapasporte, con produtos gastronómicos galegos, viños, cervexas, café e outras experiencias.

Santiago(é)Tapas contou co patrocinio principal da empresa Hijos de Rivera, a través das súas marcas Estrella Galicia, Ponte da Boga e Cabreiroá, e coa colaboración de entidades como AGACAL, o Mercado de Abastos de Santiago, Cash Record, Café Dromedario, ACEGA, o CIFP Compostela, Allwork e Vimbio.

Con esta nova edición, o certame reafirma o seu papel como unha das principais citas gastronómicas da cidade e unha ferramenta para promocionar Santiago de Compostela como destino culinario de referencia.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *