Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
O 97% foron peregrinos, maioritariamente do Camiño Francés, mentres América supera por primeira vez a Europa como principal orixe dos visitantes internacionais
Arzúa, 11 de xullo de 2025.- A Oficina Municipal de Información Turística de Arzúa (OITM) rexistrou no mes de xuño de 2025 un total de 3.385 visitantes, o que supón o mellor dato mensual dende o inicio da pandemia. O 97% foron peregrinos, principalmente do Camiño Francés, que continúa a ser a vía máis transitada cun 73% do total.
Segundo o informe da OITM, o 61% dos peregrinos comezan a súa ruta en Galicia, mentres que o 39% parten doutras zonas de España ou do estranxeiro. No caso do Camiño Francés, este último grupo acada o 73%, destacando a presenza de grupos organizados e escolares. En contraste, os Camiños do Norte e Primitivo presentan un perfil diferente: o 87% dos peregrinos percorren a ruta completa dende Irún ou Oviedo.
Tamén se observa un aumento sostido de cicloturistas, favorecido pola ruta Eurovelo 3, aínda que moitos non quedan rexistrados ao non pernoctar en Arzúa, que adoita ser un punto de paso na súa última etapa cara Santiago de Compostela.
No ámbito nacional, Madrid (25%), Andalucía (23%), Murcia (15%) e a Comunidade Valenciana (11%) representan o 75% do total de visitantes estatais, atraídos polos bos prezos e o clima suave de Galicia.
Por primeira vez, América supera a Europa como principal orixe dos visitantes internacionais, cun forte incremento de peregrinos dos Estados Unidos, seguidos de Arxentina, México e Colombia. En Europa destacan Francia, Italia, Alemaña e Reino Unido.
As principais consultas foron para selar a credencial (52%), seguidas de peticións de información sobre aloxamento, restauración e puntos de interese turístico. O mes de xuño confirmou a consolidación de Arzúa como como parada clave no Camiño de Santiago, tanto para o público nacional como internacional.
Neste contexto, a concelleira de Turismo, Begoña Balado, valorou moi positivamente os datos: “A elevada afluencia de visitantes este mes de xuño confirma o papel destacado de Arzúa no Camiño de Santiago. Estamos a consolidarnos como un destino de referencia, tanto para peregrinos nacionais como internacionais, e seguiremos traballando para ofrecer a mellor acollida posible e poñer en valor todo o que Arzúa pode ofrecer.”
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)