Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today8 septiembre, 2025
Arzúa, 8 de setembro de 2025.- O Concello de Arzúa acolleu hoxe unha reunión de traballo entre o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén; a concelleira de Turismo, Begoña Balado; representantes da Policía Local e persoal técnico municipal.
O encontro, solicitado pola concelleira, tivo como obxectivo poñer en valor a feira de Arzúa e avanzar en medidas para a súa revitalización, tanto a nivel comercial como turístico, integrándoa no circuito das feiras máis importantes de Galicia, que quere impulsar a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración co obxecto de poñelas de relevo pola súa dotación de produtos e servizos
A reunión serviu tamén para abordar o impulso da tradicional Feira do Capón, que se celebra o 22 de decembro. O Concello quere reforzar o seu atractivo como cita de referencia. Tras a xuntanza, o director xeral e a concelleira visitaron a feira quincenal do 8 de setembro, na compaña de membros da Asociación do Centro Comercial Aberto.
Gabriel Alén subliñou que esta visita enmárcase nunha das estratexias que teñen dentro da Dirección Xeral de Comercio, que é “revitalizar, dinamizar e impulsar algo tan importante como son as feiras de Galicia”, e destacou “o seu papel fundamental de dinamización da vida económica e social das distintas localidades”. Engadiu que “as feiras precisan regulación, poñendo en valor a venda ambulante como apoio ao comercio local”.
O director xeral tamén lembrou que no Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030 se recollen accións para promover un circuíto de feiras na Comunidade. Neste marco, resaltou que “o obxectivo é continuar traballando para configurar un circuíto de feiras con estándares de calidade tanto en servizos como en organización, axudando a homoxeneizar as ordenanzas municipais para facilitar e dignificar o traballo dos autónomos ambulantes convertendo as súas vendas nunha forma de mercado de atracción ao comercio local das vilas e ciudades”.
Pola súa banda, a concelleira de Turismo, Begoña Balado, agradeceu a visita e destacou que “a feira de Arzúa é un punto estratéxico na comarca e unha das máis antigas de Galicia”. Subliñou que “a súa integración no circuíto das feiras máis importantes da Comunidade é fundamental para consolidala como referente en toda Galicia”.
Balado apuntou tamén que a feira de Arzúa “é un motor económico e social para o noso municipio”. Destacou que a súa inclusión no circuíto que está a promover a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración “abrirá a porta a novas subvencións que permitirán reforzar esta cita, ampliar a súa proxección e consolidala como referente para o comercio e o turismo durante todo o ano”.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)