AD

Comarca

Arzúa estrea unha nova área de descanso na Fervenza das Hortas

today15 enero, 2026

Fondo
share close
AD

Arzúa, 15 de xaneiro de 2026.– A Fervenza das Hortas, situada na parroquia de Dombodán, conta xa cunha nova área de descanso tras a finalización das obras de acondicionamento impulsadas polo Concello de Arzúa a través da súa Concellería de Turismo. A actuación permitiu mellorar de maneira notable a baixada á fervenza, incorporando un espazo de descanso, aparcadoiro, novo mobiliario, plantación de árbores e unha mellora xeral dos accesos.

O proxecto contou cun orzamento total de 37.772,79 euros, dos cales 30.000 euros foron financiados pola Axencia de Turismo de Galicia mediante unha subvención concedida en réxime de concorrencia competitiva. O Concello asumiu o importe restante.

A concelleira de Turismo, Begoña Balado, destacou a importancia desta intervención para o futuro turístico do municipio. “Con esta actuación damos un paso máis na posta en valor dos nosos espazos naturais, facéndoos máis accesibles, seguros e atractivos tanto para a veciñanza como para as persoas que nos visitan”, sinalou.

Balado subliñou tamén que “a Fervenza das Hortas é un enclave de gran beleza natural que merecía unha mellora destas características, sempre desde o respecto ao entorno e apostando por un modelo de turismo verde e sostible”. Ademais, puxo en valor o traballo técnico realizado: “Conseguimos esta subvención grazas a presentar un proxecto completo, ben fundamentado e cunha tramitación áxil, o que demostra a eficacia do traballo que se está a facer desde o Concello”.

Desde o goberno local destacan que esta intervención permitirá seguir reforzando a oferta de turismo de natureza en Arzúa, mellorando a experiencia das persoas visitantes e contribuíndo á conservación e desfrute responsable dun dos espazos naturais máis singulares do municipio

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *