Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today10 febrero, 2026
A Concellería de Turismo do Arzúa, dirixida por Begoña Balado, impulsa o proxecto “Camiños, lendas e memoria. Un paseo pola historia da nosa vila”, unha proposta de divulgación histórica e turística que se desenvolverá a través dun percorrido guiado polo casco urbano, concebido para achegar á cidadanía o coñecemento da historia local dun xeito próximo e accesible.
A actividade terá lugar os días 25, 26 e 27 de marzo e contará coa participación do CEIP de Arzúa, o CPR Plurilingüe Nosa Señora do Rosario, a EFA Piñeiral, a Asociación de Persoas con Discapacidade e Apoio á Integración das Comarcas de Arzúa e Terra de Melide “Amarai” e persoas usuarias da Residencia San José, reunindo públicos de distintas idades e perfís arredor dunha experiencia compartida vinculada á vila.
O percorrido inclúe a visita a algúns dos espazos e elementos máis representativos do casco urbano de Arzúa, como a escultura do Peregrino, a Capela da Madanela, a Praza de Galiza, a escultura dos bois, a Queixeira, a igrexa de Santiago, a Casa Reitoral de Santiago, a Fonte do Ovo, o edificio do Concello de Arzúa, así como inmobles singulares como A Esquina e o Café Teatro. O itinerario complétase con referencias á escultura do Emigrante, á figura de Ana Kiro, ao mural de Lidia Cao e á lenda do Peregrino.
Ao longo do paseo, ofrecerase unha explicación contextualizada da historia da vila, da súa evolución urbana e social, da toponimia e dos símbolos municipais, así como das lendas e relatos que forman parte da memoria colectiva de Arzúa. O proxecto está pensado para que as persoas participantes poidan descubrir aspectos da historia local que descoñecían e, ao mesmo tempo, recoñecer espazos, feitos e relatos que forman parte da memoria da vila.
A concelleira de Turismo, Begoña Balado, sinala que “‘Camiños, lendas e memoria’ é un proxecto pensado para públicos moi diversos, no que participan centros educativos, entidades sociais e persoas maiores do municipio”. Engade que “con esta iniciativa queremos achegar á cidadanía a historia de Arzúa a través dos seus espazos, das súas lendas e da memoria que permanece na vila, ofrecendo unha oportunidade para coñecer e recoñecer o que fomos e o que somos hoxe, nun percorrido explicado e contextualizado por un guía turístico”.
Con este proxecto, Arzúa continúa a apostar por accións que permiten coñecer, comprender e poñer en valor a historia local, a través dun paseo que une camiños, lendas e memoria.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)