AD

Comarca

Arzúa involucra a máis de 500 escolares coa celebración do Día da Infancia en horario lectivo

today13 noviembre, 2025

Fondo
share close
AD

Arzúa, 13 de novembro de 2025. O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa programa o Día da Infancia con motivo da conmemoración do Día Internacional dos Dereitos da Nena e do Neno o 20 de novembro con espectáculos para escolares en horario lectivo. Trátase dun conxunto de espectáculos nos que se traballan diversos temas como a igualdade, o fomento do uso da lingua galega e a amizade.

Os nenos, nenas, mozos e mozas dos centros educativos de Arzúa poderán participar de balde nas actuacións que se celebrarán na Casa da Cultura a vindeira semana.

A primeira sesión será o luns, día 17, para o alumnado de Educación Infantil que poderá gozar dunha actuación teatral a cargo da compañía Redrum Teatro co seu espectáculo Os contos do lobicán, un espectáculo de monicreques musical que busca darlle a volta aos contos clásicos ao tempo que transmite unha mensaxe educativa e valores universais como a amizade, a cooperación, o respecto pola natureza, o pensamento crítico e a importancia da imaxinación. O marabilloso texto de Eva Mejuto foi gañador do XV Premio Barriga Verde no ano 2022.

O martes día 18 será a quenda para o alumnado de 1º, 2º e 3º curso de Educación Primaria que participará no espectáculo A biblioteca galáctica contra a IA fantástica de Tanxarina Teatro cunha adaptación teatral da novela de Carlos Labraña, un canto á amizade, á solidariedade e unha defensa dos libros, da lectura e da palabra escrita fronte a unha Intelixencia Artificial que quere acabar coa imaxinación e a fantasía.

Outra proposta destinada aos escolares de 4º, 5º e 6º de Primaria terá lugar o mércores 19. Será a quenda para Pequeno Kabaret de tolos a cargo Títeres Alakrán. O actor e titiriteiro Borxa Insua dará vida a grandes estrelas do mundo da música como Jimmy Hendrix, Camarón de la Isla, un breakdancer sen papeis, o esquelete de Nina Hagen ou Montserrat Caballé.

O xoves 20, os mozos e mozas de 1º e 2º da ESO asistirán a unha función de Axudádeme a cantar con Felisa Segade e Montse Rivera, fundadoras de Leilía, primeiro grupo que dá protagonismo á voz e á pandeireta nun escenario. Xuntas afondarán neste espectáculo de canto, palabra e toque, no porqué destas cantigas, a súa creación, os momentos en que se cantaban, o papel que xogaban no día a día das nosas antepasadas e na actualidade.

E, por último, o alumnado de 3º e 4º da ESO asitirá a unha conferencia-espectáculo participativa e visual que anima a falar e gozar da nosa lingua. Titúlase GPA. Galego para adolescentes e será conducida por Avelino González que tratará de involucrar ao público nunha sesión de optimismo lingüístico.

O Concelleiro de Cultura, José Luís García, destaca a importancia deste programa que “asegura a participación de todas as nenas e nenos do municipio dando acceso así á cultura desde a infancia nunha iniciativa á que acudirán máis de 500 escolares”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *