AD

Actualidad

Arzúa, moito máis que queixo: deporte, natureza e dinamización rural

today22 mayo, 2025

Fondo
share close
AD

A concelleira Begoña Balado presenta a nova estratexia turística de Arzúa con iniciativas como a BTT “Arzúa Destino Verde”, rutas guiadas, tardeo nas tabernas e protestas pola falta de transporte interurbano.

O Concello de Arzúa está a dar un paso máis na súa estratexia turística para diversificar a oferta e amosar o municipio como un espazo atractivo durante todo o ano, sen depender exclusivamente do tirón do Camiño de Santiago. Así o explicou Begoña Balado, concelleira de Turismo, Comercio e Obras, nunha entrevista en Radio Líder Santiago, onde deu conta dunha ampla batería de iniciativas que van dende o deporte ata a recuperación das tabernas do rural.

Un dos proxectos estrela é a proba BTT “Arzúa Destino Verde”, que terá lugar esta fin de semana e que contou cunha resposta inesperadamente alta: “Para ser a primeira edición, foi toda unha sorpresa. Levamos case 400 inscritos e tivemos que pechar inscricións porque non se podía máis”, afirmou Balado. A actividade, que percorrerá parte do casco urbano e zonas naturais emblemáticas como Ribadiso ou a ruta das Corredoiras, contará con 43 empresas colaboradoras, entre casas rurais, pazos e locais de hostalería.

“Queremos que Arzúa non se coñeza só polo Camiño de Santiago, senón como un destino verde e activo”, sinalou a concelleira.

Ademais da BTT, Arzúa porá en marcha en breve o programa “Arzúa Camiña”, composto por seis rutas de sendeirismo guiadas, programadas entre maio e outubro. “Non só se trata de andar, senón de coñecer a paisaxe e o patrimonio que temos”, apuntou Balado, quen confirmou que as rutas estarán abertas a visitantes e veciñanza, con prioridade para os residentes.

A partir de xullo activaranse tamén as visitas guiadas polo casco urbano, que buscan poñer en valor a historia e lendas locais. Tamén se manterá o bus turístico, que o ano pasado tivo unha gran acollida. “Foi un éxito total, tanto por parte de turistas como da propia xente da comarca”, sinalou.

Outra das propostas que se están ultimando son as sesións “tardeo” ou vermú nas tabernas do rural, co obxectivo de dinamizar as parroquias e conservar os espazos de encontro tradicionais: “Queremos recuperar esas tabernas que aínda gardan o aroma e o espírito de antes, conversacións e tradición”, explicou.

A colaboración co tecido comercial e empresarial tamén foi destacada pola concelleira, facendo referencia ao éxito do desfile organizado por AECA: “Parabéns á AECA. Foi a segunda edición e xa tivo moita repercusión. Os modelos parecían profesionais”, indicou.

Arzúa estará presente tamén na Semana Verde de Silleda, onde presentará unha oferta ampliada con produtos como o mel, ademais do tradicional queixo. “O queixo solapa outros produtos que tamén nos fan sentir orgullosos, como o mel. A Asociación Galega do Mel ten a súa sede aquí, e temos ata un museo dedicado a el”, apuntou, anunciando a participación dos produtores locais na feira, incluído o chef Diego Mato.

A parte máis reivindicativa da entrevista chegou ao falar do problema de transporte público interurbano, que, segundo Balado, leva anos sen solución. “É un problema serio. Hai colas de 20 metros nas paradas. Moita xente non pode coller o bus, nin para ir ao hospital, ao traballo ou estudar”, denunciou.

A situación agrávase coa chegada do verán e o aumento dos peregrinos: “Moitos están no seu dereito de coller o bus para ir ou volver de Santiago, pero ao reducirse as liñas, non hai capacidade. Isto afecta negativamente ao Camiño Francés e aos nosos veciños”. Balado reclamou que a Xunta actúe con urxencia, lembrando que xa se presentaron queixas, recollidas de sinaturas e solicitudes conxuntas con outros concellos como O Pino ou Melide.

“A Xunta ten que tomar medidas xa. Non é un problema novo, pero está a afectar gravemente ao noso día a día”, concluíu.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *