AD

Actualidad

Arzúa pecha con éxito “Camiños, lendas e memoria”, unindo distintas xeracións arredor da súa historia

today27 marzo, 2026

Fondo
share close
AD

O proxecto “Camiños, lendas e memoria. Un paseo pola historia da nosa vila” pechouse en Arzúa cun balance moi positivo tras tres xornadas nas que diferentes colectivos participaron nunha visita guiada polo casco urbano para coñecer de preto a historia local.

A actividade, organizada pola Concellería de Turismo, que dirixe Begoña Balado, desenvolveuse os días 25, 26 e 27 de marzo e contou coa participación da EFA Piñeiral, persoas usuarias da Residencia San José, da Asociación de Persoas con Discapacidade e Apoio á Integración das Comarcas de Arzúa e Terra de Melide “Amarai”, así como do CPR Plurilingüe Nosa Señora do Rosario e do CEIP de Arzúa, reunindo participantes de distintas idades arredor dunha mesma experiencia.

Durante as diferentes xornadas, as persoas asistentes percorreron puntos destacados do casco urbano como a escultura do Peregrino, a Capela da Madanela, a Praza de Galiza, a escultura dos bois, a Queixeira, a igrexa de Santiago, o edificio do Concello de Arzúa, o parque de Ana Kiro e a escultura do Emigrante, entre outros.

Ao longo do percorrido, ofreceuse unha explicación contextualizada da historia da vila, da súa evolución e dos elementos que forman parte da súa identidade, combinando contidos sobre o patrimonio, a toponimia e as lendas locais nun formato accesible e próximo para todos os públicos.

A concelleira de Turismo, Begoña Balado, valorou moi positivamente o desenvolvemento da actividade e destacou que “este tipo de iniciativas permiten achegar a historia de Arzúa dun xeito participativo e adaptado a públicos moi diversos”. Ademais, subliñou que “un dos aspectos máis enriquecedores foi compartir a experiencia entre persoas de distintas idades, creando un espazo común arredor da memoria e da historia da vila”.

Con esta proposta, Arzúa continúa a impulsar accións que reforzan o coñecemento e a posta en valor da súa historia, promovendo iniciativas que conectan á cidadanía cos seus espazos e coa súa identidade.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *