Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Arzúa, 9 de febreiro de 2026. O Concello de Arzúa aprobou no pleno municipal a denominación da Casa da Cultura como Casa da Cultura Xulio Vázquez Carril – O Gaiteiro de San Miguel, en recoñecemento á súa traxectoria vital e á súa achega á música tradicional galega. A iniciativa, presentada polo grupo do BNG, recolle tamén a celebración dun acto público de homenaxe na primavera, e contou co apoio unánime de todos os grupos da Corporación.A proposta contou co apoio unánime de todos os grupos da Corporación.
Xulio Vázquez Carril, veciño da parroquia de Maroxo, foi un dos músicos tradicionais máis emblemáticos do concello e un referente da cultura popular galega. Ao longo da súa vida participou en innumerábeis romarías, foliadas, festas populares e actos culturais, destacando polo seu compromiso coa transmisión oral da música tradicional e coa defensa da gaita galega como elemento central da identidade cultural do país. Faleceu en abril de 2025 aos 88 anos, deixando unha fonda pegada no tecido cultural de Arzúa e da comarca.
Coa aprobación desta iniciativa, o Concello de Arzúa recoñece institucionalmente a figura dunha persoa que contribuíu de maneira decisiva á conservación e difusión do patrimonio cultural inmaterial. Trátase dun recoñecemento público a unha vida dedicada á música tradicional e á súa transmisión no concello. Un labor que tivo repercusión en toda Galiza.
A aprobación da iniciativa inclúe tamén o inicio dos trámites administrativos necesarios para a modificación oficial da denominación do edificio, coa correspondente actualización da sinalización e da documentación municipal.
O Concello de Arzúa ultima xa os detalles do acto público de homenaxe que se celebrará na primavera, no que participarán familiares, colectivos culturais e músicos e músicas de toda Galiza, e no que se descubrirá unha placa conmemorativa coa nova denominación da Casa da Cultura.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)