AD

Comarca

Arzúa recupera o Bus Turístico a partir do 30 de xullo para descubrir a súa paisaxe e cultura

today23 julio, 2025

Fondo
share close
AD

Unha iniciativa da Concellería de Turismo, dirixida por Begoña Balado, para gozar da riqueza natural e patrimonial do municipio dirixida á veciñanza e a todas as persoas interesadas que visitan o municipio

Arzúa, 23 de xullo de 2025.- Arzúa volverá contar este verán cun servizo de Bus Turístico logo do éxito acadado na súa primeira edición o pasado verán. A iniciativa, impulsada pola Concellería de Turismo que dirixe Begoña Balado, arrancará o mércores 30 de xullo e ofrecerá unha nova oportunidade para descubrir algúns dos lugares máis emblemáticos e con maior atractivo natural do municipio.

O itinerario comezará cunha parada nas Fervenzas das Hortas, onde os participantes poderán facer un pequeno paseo para contemplar esta xoia natural de preto. A continuación, a ruta seguirá pola zona do Encoro de Portodemouros, un espazo privilexiado para gozar de fermosas vistas panorámicas e da tranquilidade da contorna. A xornada completarase cunha visita ao Enredo do Abelleiro, o museo vivinte da apicultura, onde se ofrecerá unha completa explicación tanto no interior como no exterior das instalacións.

As viaxes realizaranse os mércores e xoves, de 17:30 a 19:30 horas, con saída e chegada na Oficina de Turismo de Arzúa (Praza do Peregrino s/n). As prazas son limitadas, e os tickets –cun prezo de 3 euros, que inclúe a entrada ao museo vivinte da mel– poden reservarse con antelación na propia oficina.

Durante todo o traxecto, un guía especializado ofrecerá explicacións e curiosidades sobre cada localización, enriquecendo a visita e permitindo descubrir a fondo o patrimonio natural e cultural de Arzúa.

A concelleira de Turismo, Begoña Balado, subliña a importancia de retomar esta iniciativa: “O Bus Turístico converteuse nunha das propostas máis valoradas do verán pasado. Volvemos con ilusión para seguir poñendo en valor a nosa natureza, a nosa cultura e o noso territorio, pensando tanto nos visitantes como na veciñanza de Arzúa, que tamén ten moito que descubrir da súa propia terra.”

Este verán, o Bus Turístico reforza a imaxe de Arzúa como destino verde, ofrecendo unha experiencia cómoda e diferente para descubrir a súa paisaxe, historia e identidade local.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *