Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Venres, 2 de xaneiro de 2026. O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa informa que a esperada Cabalgata de Reis, dentro da programación cultural de Nadal, celebrarase como é tradición o vindeiro luns, 5 de xaneiro, cun programa de actos que se desenvolverá durante toda a tarde.
Os Reis Magos e a súa comitiva chegarán a Arzúa ás 16:30 h. da tarde para comezar a súa estadía no noso municipio facendo unha visita ás persoas maiores da Residencia San Xosé.
Unha hora máis tarde, as 17:30 h., se o tempo o permite, comezará o desfile que contará con tres carrozas para os Reis e os seus paxes. Ademais, a comitiva estará acompañada por un grupo de animación e por paxes a cabalo en colaboración coa Asociación O Estribo que conducirán o percorrido ata rematar no Multiusos Terra do Queixo, lugar onde se fará a recepción e o reparto de agasallos a todas as nenas e nenos que se acheguen. As Súas Maxestades traerán moreas de caramelos e lambetadas sen glute e feixes de libros para seguir fomentando en Arzúa a lectura e o uso da nosa lingua. Paralelamente, o Multiusos Terra do Queixo contará con diversas actividades, obradoiros e reparto de chocolate quente de balde de 17:30 a 20:30 h.
O percorrido marcado polo Departamento de Cultura para a Cabalgata sairá dende a Casa da Cultura e pasará polas seguintes rúas: Santiago, Praza de Galiza, Avenida de Lugo, Fraga do Rei, Ramón Franco, Xosé Neira Vilas, Praza de San Xoán e regresará pasando de novo polas rúas Xosé Neira Vilas e Ramón Franco para dirixirse ao Multiusos Terra do Queixo pola Padre Pardo. En caso de mal tempo, o percorrido polas rúas quedará cancelado e as Súas Maxestades recibirán a todas as nenas e nenos directamente no Multiusos a partir das 17:30 h.
O concelleiro de Cultura, José Luís García, anima á veciñanza “a participar na Cabalgata e a vivir unha xornada cargada de ilusión na que especialmente a concellaría que dirixo invirte moito esforzo e moitos recursos coidando cada detalle con mimo para que sexa unha tarde máxica que quede para o recordo”.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)