Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today12 enero, 2024
12/01/2024.- A empresa contratista das obras da Pastoriza, para proseguir cos labores de pavimentación, está agardando pola recepción de novos materiais coa resistencia adecuada, porque os subministrados inicialmente non reunían as calidades que figuran no proxecto. Ten como previsión retomar esta intervención na semana do 22 de xaneiro e o Concello velará para que se cumpran os prazos.
A fase de pavimentación de beirarrúas require da colocación de elementos de pedra para posteriormente executar os formigóns. Entre finais de novembro e principios de decembro foron ensaiados materiais de pedra, como figuran nos pregos do contrato, con resultado non satisfactorio, polo que foron rexeitados o que obrigou a buscar outros provedores.
En canto se testaron e aceptaron os materiais idóneos, foron encargados no mes de decembro e, segundo información facilitada polo contratista, seranlle subministrados na semana do 22 de xaneiro para retomar a obra. A partir dese momento, a previsión de traballos de pavimentación de beirarrúas e acabados é de arredor dun mes se non hai outros imprevistos.
Para o Concello é fundamental que os materiais utilizados cumpran as condicións de calidade que marca o contrato e o compromiso é seguir traballando para garantir a mellor execución posible das obras, cun estándar de calidade e bo remate das actuacións. Aínda que todas as obras causan molestias, o resultado de humanización de espazos vai mellorar a zona, tanto para a veciñanza como para o comercio e hostalaría que alí se sitúan.
O prazo previsto no contrato é de 4 meses (88 días laborables). A data da acta de implantación foi o 04/09/2023, resultando así como data límite de prazo administrativo o 18/01/2024. Non obstante, a data efectiva de posta a disposición dos terreos co corte de tráfico na rúa Pastoriza foi o 18/09/2023, por cuestións de coordinación de tráfico, seguranza e transporte público, polo que os traballos non se puideron iniciar ata dúas semanas despois da firma da acta.
A orde de traballos a executar nas obras é a seguinte:
1.Retirada de mobiliario e plantacións e demolición de pavimentos
2.Movementos de terras con aperturas de gabias e colocación de instalacións
3.Peche de gabias e preparación de bases de pavimentos de beirarrúas e calzadas (terras/zahorras/formigóns limpeza)
4.Pavimentos de calzada (asfalto)
5.Pavimentos de beirarrúas (pedra e formigón lavado)
6. Acabados (remates, pinturas, mobiliario, etc.)
Os traballos de movementos de terras, gabias e instalacións foron executados durante os meses de outubro e novembro fundamentalmente, coincidindo con condicións meteorolóxicas adversas que impediron nunhas ocasións e ralentizaron noutras a execución dos traballos. Deste xeito, ao finalizar o mes de novembro o contratista solicitou ampliación de prazo por estas cuestións meteorolóxicas e polas indicadas sobre o inicio efectivo das obras, resultando procedente un total de 20 días laborables de ampliación.
Con data de 20/12/2023, o contratista finalizou as fases 1 a 4 dos traballos anteriormente descritos, permitindo, a petición do Concello, a apertura ao tráfico dun carril de circulación de vehículos.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)