Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today21 septiembre, 2026
O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, anunciou a posta en marcha, cando chegue á Alcaldía, dun proxecto piloto de “Patios Abertos” para abrir durante as fins de semana os patios e as instalacións deportivas de tres colexios da cidade.
Verea explicou que o obxectivo é aproveitar mellor espazos públicos que xa existen e que permanecen pechados boa parte da semana, mentres numerosas familias buscan lugares gratuítos, próximos e seguros nos que os seus fillos poidan xogar, facer deporte ou compartir o seu tempo.
“Non se trata de abrir os colexios enteiros, senón os patios, as pistas deportivas e, nos centros nos que sexa posible, os espazos cubertos e polivalentes”, aclarou. Estes últimos terán unha importancia especial nunha cidade como Santiago, xa que permitirán manter o programa durante os meses de choiva.
O acceso será libre e gratuíto, sen necesidade de inscrición previa, e estará supervisado por persoal profesional. Ademais, organizaranse actividades puntuais dirixidas a diferentes idades. “Queremos que unha familia poida achegarse cos seus fillos, que uns rapaces utilicen unha pista para facer deporte ou que persoas de distintas xeracións poidan compartir o espazo”, indicou Verea.
UNHA ALTERNATIVA DE OCIO PARA A MOCIDADE
O proxecto desenvolverase inicialmente en horario de mañá e de tarde, aínda que Verea avanzou que un dos tres centros contará tamén con horario nocturno e con actividades específicas para adolescentes e mozos.
O líder popular defendeu a necesidade de ofrecer alternativas de ocio saudable á mocidade, especialmente tras episodios como os rexistrados recentemente nas festas de Conxo, con menores afectados polo consumo excesivo de alcohol e pelexas. “É importante que a cidade poña tamén alternativas sobre a mesa”, sinalou.
Este centro podería permanecer aberto ata a unha da madrugada en determinadas ocasións, sempre con persoal responsable e cunha programación especialmente pensada para a mocidade.
UN PROXECTO PILOTO EN TRES CENTROS
Verea explicou que a elección dos tres colexios se realizará despois de analizar os trece centros públicos existentes na cidade. O estudo terá en conta os accesos, os patios, as instalacións deportivas, os aseos, a iluminación, a limpeza, os espazos cubertos e a proximidade ás vivenda, e para facer este estudo temos que estar no goberno.
A decisión adoptarase en coordinación cos equipos directivos, os consellos escolares, as familias e a Consellería de Educación. “Non queremos prometer sen estudar nin anunciar decisións antes de tempo. Podería ter máis impacto dicir agora cales serán os tres centros, pero sería pouco responsable facelo sen dispoñer de toda a información”, afirmou.
Verea insistiu en que as propostas presentadas polo Partido Popular durante as últimas semanas están estudadas e contan cun traballo previo de análise, viabilidade e estimación económica. Neste sentido, lembrou que iniciativas semellantes xa funcionan en cidades como Bilbao, Almería, Madrid ou Barcelona, aínda que o modelo compostelán se adaptará ás necesidades propias da cidade.
O proxecto piloto terá un custo anual estimado duns 85.000 euros para os tres centros, aínda que a cifra definitiva dependerá das instalacións elixidas, os horarios, os espazos dispoñibles e as necesidades concretas de cada un deles.
Verea sinalou tamén que a lexislación educativa permite utilizar os centros docentes fóra do horario lectivo para actividades educativas, culturais, deportivas ou sociais, mediante a necesaria coordinación entre as administracións.
“Temos instalacións públicas que xa existen e imos aproveitalas mellor para que pais, nais, nenos, avós, adolescentes e grupos de amigos teñan máis lugares nos que estar xuntos, desfrutar, xogar ou compartir tempo e espazo”, concluíu.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)