Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today20 febrero, 2026
Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2026. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou este martes que o arquivo do proxecto da macrocelulosa de Altri por parte da Xunta supón “unha victoria para Galicia fronte a un proxecto que o país nin quería nin necesitaba” e representa, ao seu xuízo, “o gran fracaso industrial” do presidente autonómico, Alfonso Rueda.
Besteiro sostivo que Altri era “o proxecto estrela” do titular da Xunta, “o mascarón de proa co que os galegos e galegas relacionaban ao Partido Popular e a Rueda cos proxectos industriais en Galicia”, polo que considera que o presidente “debe dar explicacións e pedir perdón polo apoio a esta iniciativa frustrada desde os seus inicios”.
O líder socialista lembrou que o PSdeG defendeu desde o primeiro momento que a macrocelulosa debía cumprir cos parámetros económicos, sociais e medioambientais esixibles e que, segundo a súa análise, xa daquela quedaba claro que non era un proxecto axeitado para Galicia.
Besteiro atribuíu a marcha atrás da Xunta ás decisións adoptadas polo Goberno central, ao que cualificou de determinante para frear a iniciativa. Enumerou o que definiu como o “triple non” ao proxecto: a negativa aos PERTE de descarbonización, ás axudas extraordinarias e á súa inclusión na planificación eléctrica 2025-2030, o que impedía a conexión á rede eléctrica.
“Foi o Goberno central quen paralizou este proxecto plantexado polo Partido Popular”, afirmou, ao tempo que criticou que a Xunta mantivese durante meses expectativas arredor dunha iniciativa que “hoxe cae definitivamente”.
Para Besteiro, Altri vendeuse como “un proxecto tractor”, cando en realidade era “unha operación política sen base industrial sólida” e “un novo bluff de Rueda”.
O secretario xeral do PSdeG reclamou “transparencia inmediata” e esixiu coñecer “que compromisos concretos adquiriu a Xunta coa empresa nese pacto secreto que se nega a ensinar”. Preguntou tamén que incentivos, garantías públicas ou promesas económicas, fiscais ou administrativas se puxeron enriba da mesa e cal pode ser o custo desta operación para as arcas públicas.
Neste contexto, anunciou que o Grupo Socialista acudirá á vía xudicial para esclarecer o acordo e reiterou a petición dunha comisión de investigación no Parlamento galego, na que solicita as comparecencias de Alfonso Rueda, Alberto Núñez Feijóo e Francisco Conde, ao considerar que a operación se iniciou no seo do Partido Popular.
Besteiro tamén rexeitou o que cualificou como “relato do medo” por parte do PP e negou que o arquivo do proxecto deixe sen futuro industrial a Lugo ou a Galicia. “O que deixa en evidencia é a ausencia dunha verdadeira política industrial por parte do Partido Popular”, afirmou.
O dirixente socialista concluíu que o futuro industrial galego non pode depender “dun único anuncio inflado nin de promesas que non superan os filtros técnicos e ambientais” e instou á Xunta a apostar por unha planificación que atraia industria moderna, sostible e aliñada cos estándares europeos, capaz de xerar emprego estable e de calidade.
“Rueda debe explicar os pactos secretos e plantexar un viraxe total na súa política industrial”, rematou.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)