Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Boqueixón, 15 de maio de 2025.- O Concello de Boqueixón vén de iniciar as obras de construción de dúas sendas peonís, unha en Ledesma e outra en Camporrapado (Oural), nas que investirá case 470.000 euros. Tras manter unha xuntanza cos propietarios das parcelas na contorna do trazado da senda para explicarlles a actuación, o alcalde Ovidio Rodeiro e o concelleiro de Obras, Manuel Fernández Munín, comprobaron sobre o terreo a marcha dos traballos.
“Trátase dun proxecto fundamental para mellorar a mobilidade e a seguridade dos peóns no noso municipio”, sinala Ovidio Rodeiro, quen destaca que se trata tan só das dúas primeiras sendas incluídas nun proxecto maior que o Concello de Boqueixón vai acometer ao abeiro do programa DUS 5000. Esta iniciativa suporá un investimento total de 2,9 millóns de euros e a creación de 17 quilómetros de sendas peonís en distintos puntos do concello, así como “unha actuación de reordenación do estacionamento e reurbanización do espazo na contorna do centro de saúde e dos centros escolares do Forte para crear un entorno accesible e seguro na zona”, explica Ovidio Rodeiro.
Así, as obras destas dúas primeiras sendas en Ledesma e Camporrapado forman parte do primeiro lote nos que se dividiu o proxecto xeral. Unha primeira actuación que inclúe a creación dunha senda peonil entre Ledesma e Noente, e dous tramos máis en Oural, un na Devesa e outro en Camporrapado.
A senda peonil de Ledesma, na parroquia do mesmo nome, terá unha lonxitude de 2.123 metros e unirá os núcleos de a Ponte e Noente. Un camiño que pasa polo núcleo de Vila e do Vilar e por diante de varias vivendas unifamiliares, así como pola contorna do local social de Vila. No caso do itinerario peonil accesible en Camporrapado, trátase dun tramo que se desenvolve sobre chan urbano e solo apto para urbanizar.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)