AD

Comarca

Boqueixón ofrece axudas de 400 euros por nacemento, acollida ou adopción de nenos

today7 mayo, 2025

Fondo
share close
AD
  • As familias das crianzas nadas, acollidas ou adoptadas entre o 1 de xaneiro e o 6 de maio teñen ata o 21 de maio para solicitalas. O resto dispoñen de 15 días naturais a contar tras o nacemento

Boqueixón, 7 de maio de 2025.- O Concello de Boqueixón abre hoxe o prazo de presentación de solicitudes das axudas ás familias para sufragar parcialmente os custes derivados do nacemento e/ou acollemento ou adopción de nenos e nenas empadroados no municipio. Unhas axudas convocadas por primeira vez en 2021 e que ascenden a 400 euros por familia.

Unha iniciativa á que o Concello de Boqueixón destina 8.000 euros, “ampliables se fose preciso”, apunta o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, quen explica que “con esta iniciativa queremos axudar non so ás familias cos gastos da crianza senón ao mesmo tempo apoiar ao noso comercio local, xa que o gasto terá que facerse integramente en empresas radicadas en Boqueixón”.

Durante o exercicio 2024, o Concello de Boqueixón concedeu un total de 9 axudas, por un importe de 3.600 euros. Os cartos da axuda poden ser gastados en produtos para o neno/a: cueiros, lácteos e alimentos infantís, roupa, calzado, enxoval, produtos de  hixiene infantil, medicamentos ou calquera outro tipo de produtos receitados polo facultativo de pediatría. Uns produtos que deberán ser adquiridos en establecementos comerciais emprazados en Boqueixón.

Solicitudes

As axudas outorgaranse en réxime de concorrencia non competitiva e con independencia da renda familiar: 400 euros para todos os nenos e nenas nados, acollidos ou adoptados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2025. Unha achega que será de 500 euros no caso de acreditar unha discapacidade da crianza dun 33% ou superior.

Para poder solicitar as axudas é preciso que a familia estea empadroada en Boqueixón (incluído o menor recén nacido) no momento de presentar a solicitude e comprometerse a seguir empadroada un mínimo de 3 anos. Así mesmo, será necesario non ter pendente de xustificar subvencións outorgadas polo Concello nin estar en ningún dos supostos de prohibición para a percepción de subvencións que establece a Lei.

As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude preferiblemente por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica municipal (https://sede.boqueixon.com). Así mesmo, poderanse presentar solicitudes de forma presencial no Rexistro Xeral do Concello de Boqueixón. O Concello de Boqueixón establece dous prazos de presentación de solicitudes:

  • Para as persoas nadas, acollidas ou adoptadas entre o 1 de xaneiro e o 6 de maio de 2025, o prazo será de 15 días naturais (contados a partir de hoxe 7 de maio).
  • Para as persoas nadas, acollidas ou adoptadas entre o 7 de maio e o 31 de decembro de 2025, o prazo de solicitude será de 15 días naturais a partir do día seguinte ao nacemento, acollida ou adopción.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *