Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
O secretario xeral do PSdeG en Santiago, Aitor Bouza, denunciou que as obras actuais no centro de saúde de Conxo non son suficientes e reclamou que nos orzamentos de 2026 se inclúa unha partida para construír un novo centro.
O deputado socialista alertou de que é necesario garantir a conservación do Mosteiro de Conxo e facilitar o seu acceso á cidadanía.
Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2025. O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado autonómico, Aitor Bouza, reclamou este xoves á Xunta de Galicia a inclusión nos orzamentos de 2026 dunha partida específica para construír un novo centro de saúde no barrio de Conxo, ao considerar que a reforma en marcha é “un parche” e “claramente insuficiente”.
Bouza explicou que o actual proxecto de reforma non é suficiente para atender o crecemento demográfico do barrio: “cada vez hai máis familias, cada vez hai máis persoas” e asegurou que “non chega con reformalo, non chega con amplialo, senón que fai falla un novo centro de saúde en Conxo”.
O deputado socialista afirmou que “o señor Rueda castiga claramente a cidade de Santiago de Compostela”. Ademais, cuestionou se este trato se debe a que “non goberna o seu partido”, e engadiu que “parece que só se poden obter recursos, cartos públicos e tamén todas as propias obras que sexan necesarias en cada pobo ou vila dependendo se es do Partido Socialista, do Partido Popular ou non”.
O secretario xeral do PSdeG compostelán insistiu na necesidade de ir máis aló das pequenas reformas en Conxo e advertiu que a Xunta debe comprometerse con medidas máis ambiciosas. “Non só nos quedemos en parches e en migallas que quere facer a Xunta de Galicia para facer que fai, senón que o que esiximos claramente é que no vindeiro orzamento do ano 2026 se incorpore unha partida específica non para a ampliación, senón para un novo centro de saúde”, sinalou.
Bouza subliñou que esta demanda non é partidaria, senón veciñal, e reclamou apoio do PP local. “Non é unha cuestión que queira o Partido Socialista, senón que é unha cuestión que queren os veciños e veciñas de Santiago”. Por iso, pediu ao portavoz popular compostelán que apoie a iniciativa: “Se se quere representar aos veciños e veciñas de Compostela, se fala con eles e con elas, saberá que o que estamos pedindo é realmente o que se pide”.
O deputado explicou que xa foron rexistradas as iniciativas parlamentarias correspondentes e avanzou que o grupo socialista tamén presentará emendas aos orzamentos. “Queremos que se debata, queremos que se fale e sobre todo queremos que se posicione o Partido Popular. O Partido Popular non pode dicir unha cousa en Santiago e outra en Galicia”, advertiu, engadindo que “se se quere un compromiso con Santiago de Compostela, que se demostre con feitos”.
En relación coas obras actualmente en marcha, Bouza comprometeuse a facer un seguimento rigoroso: “Estaremos vixiantes de que, mentres non se proxecta un novo centro de saúde, se cumpran os prazos, se cumpra o orzamento e, sobre todo, de que non se demoren as obras”.
Ademais, na rolda tamén se referiu ao Mosteiro de Conxo e anunciou que o grupo socialista pedirá explicacións á Xunta sobre a súa conservación: “Imos a preguntarlle á propia Xunta de Galicia en que estado se atopa, porque queremos saber se a conservación e o mantemento dun patrimonio da humanidade realmente se está facendo como debe ser”.
Finalmente, Bouza propuxo que o Mosteiro se abra á cidadanía, poñendo en valor a súa riqueza patrimonial: “Queremos propoñer unha cuestión que nos parece de xustiza, que é abrir o patrimonio á xente, abrir o patrimonio á cidadanía e, por tanto, que se poida acceder ao Mosteiro. Porque a día de hoxe, ter un patrimonio da humanidade do que non se pode dispor por parte da cidadanía é realmente como pechar as portas a algo tan fermoso como o que temos alí”.
Escrito por Líder Redacción
aitor bouza centro de sude conxo psoe Santiago de Compostela
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)