Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Braga (Portugal), 12 de xuño de 2025. A cidade portuguesa de Braga acolleu este mércores a presentación oficial da edición 2025 da Rapa das Bestas de Sabucedo, unha das festas máis singulares e recoñecidas de Galicia, declarada de Interese Turístico Internacional. O acto puxo en valor a conexión cultural entre esta tradición ancestral e o Camiño da Geira e dos Arrieiros, que parte precisamente dende Braga.
A delegación galega estivo formada por representantes do Concello da Estrada, da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, da asociación Codeseda Viva e da Xunta de Galicia, representada polo secretario xeral da Lingua, Valentín García. A presentación tivo lugar no auditorio do posto de turismo de Braga, ante a presenza de operadores turísticos e medios de comunicación.
O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, destacou o vínculo entre a Rapa das Bestas e o Camiño da Geira: “Ambos son exemplos de convivencia, tradición e identidade. Sabucedo é berce e acubillo destas dúas manifestacións culturais”.
Durante o acto, realizouse un percorrido visual e infográfico sobre o Camiño da Geira. Segundo os datos expostos, entre 2017 e 2025 percorreron esta ruta 6.847 peregrinos, un 70% deles procedentes de Portugal. No que vai de ano, xa se contabilizaron 375 peregrinos, dos cales o 72% iniciaron a súa andaina en Braga.
O contido audiovisual correu a cargo de Manuel Cabada, membro da Asociación Rapa das Bestas, quen amosou o proceso tradicional de xuntar as greas e realizar a “baixa” no curro, destacando a forza simbólica e turística deste evento.
Valentín García, pola súa banda, enxalzou o valor antropolóxico e identitario da Rapa das Bestas e destacou a colaboración transfronteiriza entre Galicia e o norte de Portugal, especialmente no marco da Eurorrexión e das capitalidades culturais de Braga e Santiago de Compostela.
No transcurso da presentación, tamén se anunciou a repercusión internacional da festa, que este ano contará xa con 68 profesionais da comunicación acreditados de dez países distintos, o que garante a súa difusión en catro continentes.
O acto foi pechado por Pedro Soares, adxunto á presidencia da Câmara de Braga, quen agradeceu que se escollera a cidade para este evento e animou aos asistentes a coñecer de preto a tradición única de Sabucedo.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)