AD

Comarca

Brión abre inscricións na 42 Carreira Pedestre da Amaía

today3 septiembre, 2025

Fondo
share close
AD

3 de setembro de 2025.- O Concello de Brión, en colaboración co Club Deportivo Brión Hyupersa Santiago, vén de abrir as inscricións na XLII Carreira Pedestre Popular da Amaía, que terá lugar o sábado 4 de outubro, a partir das 16:30 horas, na contorna do parque de Pedrouzos. As inscricións, de balde para as persoas menores de 16 anos e de 5 euros para os demais, poden formalizarse ata as 23:59 horas do 1 de outubro a través da páxina web www.carreirasgalegas.com.

A XLII Carreira Pedestre Popular da Amaía é unha proba oficial da Federación Galega de Atletismo con distancia non homologada de 10 quilómetros, terá lugar baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo e será puntuable para o XI Circuíto de Carreiras da Deputación da Coruña.

A XLII Carreira Pedestre da Amaía destina este ano un total de 2.100 euros a premios e agasallará a todas as persoas participantes con camisetas técnicas conmemorativas. Haberá trofeos, deseñados polo prestixioso ceramista Nano Unzueta, e premios en metálico para os tres primeiros clasificados homes e as tres primeiras mulleres en cruzar a liña de meta na proba absoluta: 300, 250 e 150 euros, respectivamente. Tamén se entregarán trofeos e premios en metálico para os tres primeiros clubs federados clasificados, onde os equipos poden ser mixtos. Finalmente, haberá trofeos para os tres primeiros homes e mulleres empadroados en Brión, así como para os primeiros clasificados das 8 categorías establecidas.

A proba absoluta terá lugar sobre un circuíto de 5.000 metros aproximadamente (98% asfalto e 2% terra) ao que se darán dúas voltas. Os circuítos das carreiras de menores terán lugar nas inmediacións campo de fútbol municipal de Brión. Ao finalizar a proba, todas as persoas participantes recibirán un avituallamento líquido na liña de meta.

O marinense Manuel Lorenzo López (Club Deportivo Pinarium) e a compostelá Isabel Caeiro Mariño (Sociedade Gimnástica de Pontevedra) foron os gañadores da edición anterior, moi condicionada polas condicións meteorolóxicas xa que a chuvia reduciu exactamente á metade a participación prevista: dos 404 atletas inscritos tan só tomaron a saída 202, 130 na proba absoluta.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *