AD

Comarca

Brión anuncia 100 novas vivendas, a metade delas protexidas

today5 febrero, 2025

Fondo
share close
AD

O alcalde do Concello de Brión, Pablo Lago, abordou os retos do municipio en Radio Líder Santiago, desde a xestión das pasadas tormentas ata os proxectos de vivenda e infraestruturas culturais.

O inicio do ano veu marcado por fortes borrascas que causaron estragos en varias zonas do concello. Lago destacou o traballo das administracións locais para minimizar os danos: «Intentamos facer as cousas o mellor posible, pero non sempre se pode chegar a todos os lugares ao mesmo tempo». Tamén anunciou a elaboración dun «plan de mellora das canalizacións nas zonas máis desprotexidas» para evitar futuras inundacións.

Vivenda: un plan para crecer de xeito sostible

Brión aposta polo crecemento ordenado e a mellora dos servizos para a veciñanza. «Queremos aumentar poboación, pero de maneira planificada, garantindo que os novos residentes teñan acceso a servizos básicos», explicou Lago. O concello adquirirá terreos para desenvolver 50 vivendas protexidas e outras 50 de libre acceso. «A nosa prioridade é que a xente nova de Brión poida quedarse no concello con acceso a vivenda digna».

Entre os proxectos destacados para este ano, o alcalde confirmou a ampliación do pavillón deportivo, a mellora do campo de fútbol de Bastavales e a reforma das beirarrúas e aparcamentos na zona central do concello.

Ademais, Lago manifestou o seu compromiso cunha vella demanda cultural: a construción dun auditorio municipal. «Brión precisa un espazo digno para a cultura. É unha das miñas prioridades», afirmou.

O Entroido é unha das citas máis esperadas no concello, e este ano non será unha excepción. «O ano pasado disfraceime e este ano tamén o farei», asegurou Lago con humor. O evento contará con comparsas, carrozas e premios para animar a participación veciñal.

A realidade económica e a suba de impostos

O alcalde recoñeceu que o orzamento municipal, de sete millóns de euros, resulta «moi escaso». Debido ao incremento dos custos da xestión de residuos e a subministración de auga, avanzou que haberá unha revisión das taxas municipais: «En Brión será necesario aumentar impostos para garantir servizos básicos, como a recollida do lixo e o abastecemento de auga».

Lago tamén reivindicou unha política municipal baseada no diálogo e a escoita activa: «O Concello está aberto a todos os cidadáns. Sempre atenderemos as súas peticións de maneira ordenada».

A entrevista completa, no seguinte enlace.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *