AD

Comarca

Brión aproba dúas modificacións de crédito por máis de 2,24M€

today19 junio, 2025

Fondo
share close
AD
  • O Concello prorrogará os orzamentos de 2024 e comezará a traballar na elaboración das contas de 2026

19 de xuño de 2025.- O anuncio do acordo alcanzado polos grupos municipais do PSOE e PP, para garantir a estabilidade necesaria para sacar adiante proxectos e medidas que contribúan a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Brión, eclipsou a aprobación de dúas modificacións de crédito na sesión plenaria do onte mércores. Dúas iniciativas que suman 2.243.326 euros, que serán destinados á realización de obras e prestación de servizos aos veciños e veciñas do municipio, e que foron aprobadas cos votos a favor dos grupos socialista e popular, coa abstención do grupo municipal do BNG.

Así, a modificación de crédito número 10/2025, baixo a modalidade de suplemento de crédito, suma 1.823.406,93 euros, financiados con cargo ao Remanente de Tesourería para gastos xerais. As partidas máis importantes correspóndense coa financiación de dúas achegas municipais a dúas obras que xa están en marcha: o acondicionamento, humanización e renovación do saneamento na AC-543 (815.317 euros) e a ampliación do pavillón municipal de deportes (390.346 euros).

A maiores contémplanse máis de 200.000 euros para a mellora do servizo de abastecemento de auga, así como á realización dunha auditoría para detectar perdas nese abastecemento. Ademais, inclúense tamén partidas para obras de mellora de camiños rurais, recuperación do patrimonio municipal e mantemento do campo de fútbol de Luaña.

En materia de servizos, a partida máis importante é a de 257.500 euros para o servizo de recollida do lixo por parte da Mancomunidade Serra do Barbanza. Tamén se inclúen outras partidas de menor importe para actividades deportivas e de turismo, así como para manter o servizo de transporte ao centro médico de Brión.

Campo de fútbol de Bastavales

A segunda modificación de crédito aprobada onde, baixo a modalidade de crédito extraordinario, ascende a 419.920 euros, que será tamén financiado con cargo ao Remanente de Tesourería para gastos xerais. Nesta ocasión, destacan os 187.917,36 euros para a achega municipal ao acondicionamento e remodelación do campo de fútbol José Pumar (Bastavales), solicitado pola veciñanza e polo Bastavales UD, cuxo proxecto foi redactado pola Real Federación Galega de Fútbol tras o convenio asinado polo alcalde bionés, Pablo Lago, co daquela presidente de la Federación, Rafael Louzán.

Este crédito extraordinario tamén permitirá a instalación de luminarias na recentemente construída senda peonil entre O Cabo e Bertamiráns, a mellora da eficiencia enerxética da escola de música, a instalacións dun grupo de presión en Coruxido ou a execución dun mural na honra a Xosé Vizoso, artista recentemente falecido, na fachada da escola municipal de música “Magariños”. Tamén se recollen os case 44.000 euros para a achega municipal ao arranxo do camiño de Codesido a Sabaxáns, que se executará en colaboración co Concello de Rois e a Xunta.

Orzamentos de 2025

A aprobación destas dúas modificacións orzamentarios motivou que na quenda de rogos e preguntas a voceira municipal socialista, Sandy Cebral, confirmara que “imos prorrogar os orzamentos de 2024. Iso é así porque, tras consultar a Intervención Municipal, comprobamos que os gastos a afrontar son practicamente idénticos aos de 2024. Se a iso lle engadimos que non hai uns Orzamentos do Goberno de España, entendemos que o documento sería practicamente igual ao que xa temos. Polo tanto, a nosa intención é seguir as recomendacións dos técnicos e prorrogar o Orzamento en vigor”.

Neste sentido, a concelleira puxo en valor que tanto o equipo técnico como o equipo de Goberno poderán “comezar a traballar nos orzamentos de 2026, xa que eses si que serán diferentes porque, entre outras cousas, haberá que recoller as bonificacións do préstamo do IDAE para o cambio do alumeado público en todo o municipio e actualizar a ordenanza municipal da recollida do lixo, para adaptarnos á lexislación vixente e cumprir coa débeda que todos os concellos temos coa Mancomunidade Serra do Barbanza”.

Minutos antes, o Pleno Municipal tomou conta do informe de liquidación do Orzamento de 2024, que confirma a boa saúde económica do Concello de Brión e a boa xestión realizada polo equipo de Goberno, que cumpre cos obxectivos das tres regras fiscais: estabilidade orzamentaria, gasto e débeda pública. Unhas contas que ascenden a 7.771.316 euros, un 6,88% máis ca en 2023, e que se pecharon cun Remanente de Tesourería para Gastos Xerais de 3.807.652 euros.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *