AD

Comarca

Brión conseguiu minimizar os danos e as inundacións en vivendas durante a borrasca Herminia

today27 enero, 2025

Fondo
share close
AD
  • Colocáronse barreiras para impedir asolagamentos, realizáronse limpezas de taxeas por todo o municipio e retiráronse maleza e árbores dos cauces fluviais
  • O Concello xa solicitou a Naturgy o arranxo das avarías na liña de media tensión que ten sen luz a varias aldeas do municipio

27 de xaneiro de 2025.- Fin de semana complicada en Brión polo paso do temporal Herminia, que trouxo cuantiosas chuvias e fortes refachos de vento. Sen embargo, a boa actuación do dispositivo posto en marcha polo Concello de Brión con persoal do GES de Brión e do servizo municipal de obras, dirixidos polo alcalde, Pablo Lago, e o concelleiro de Obras, José Antonio Vidal, conseguiu minimizar os danos.

“Durante o sábado procedemos a colocar barreiras naqueles puntos e aldeas que sufriran asolagamentos nos anteriores temporais e durante o domingo estivemos facendo traballo de limpeza e comprobación da efectividade das barreiras”, explica José Antonio Vidal, quen remarca que “no caso da aldea do Cabo, unha das máis afectadas sempre ao estar a un nivel por debaixo do cauce do río, conseguimos que non se inundaran as vivendas que se asolagaran hai unhas semanas”.

Aínda que os traballadores municipais e os voluntarios de Protección Civil estiveron traballando ao longo de todo o concello, o seu labor centrouse especialmente nas aldeas do Cabo, O Rial, Estrar, A Torre e Liñares, onde durante o domingo estívose a retirar maleza e ramas caídas sobre o cauce do río para despexar no posible o paso da auga pola ponte de Liñares. Uns traballos que continuaron durante esta mañá de luns.

Así mesmo, durante o domingo a maquinaria municipal estivo traballando arreo na limpeza e recollida de elementos caídos sobre os distintos viarios que cruzan o concello, ademais de aproveitar para limpar cunetas para evitar acumulacións de auga, como no caso do Rial e as reixas do abastecemento para facilitar o tránsito das augas pluviais

Pola súa banda, Pablo Lago agradece o traballo realizado esta fin de semana polo persoal municipal e asegura que «somos conscientes de que non puidemos chegar a todos os núcleos e vivendas damnificadas, pero vímonos superados polas duras condicións meteorolóxicas desta fin de semana. Aínda así, estivemos ao carón dos veciños todo canto puidemos e seguiremos estando atentos e traballando para poder aliviar as consecuencias que deixou ao seu paso Herminia».

Aldeas sen luz

Por outra banda, o Concello de Brión púxose en contacto con Naturgy para trasladarlle a situación de varios núcleos de poboación (Boaventura, A Torre, Brans de Arriba…) que están sen subministro eléctrico dende a fin de semana. Unha situación que afecta tanto ás vivendas particulares como ao alumeado municipal.

“Dende a empresa infórmannos de que o problema débese a unha avaría nunha liña de media tensión, polo que dende o Concello lle solicitamos que actuaran o antes posible para tratar de que hoxe mesmo se puidera restablecer o subministro eléctrico”, explica o concelleiro de Obras.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *