AD

Comarca

Brión homenaxea a Rosalía de Castro cunha ofrenda floral, Caldo de Gloria e Café con verso

today23 febrero, 2026

Fondo
share close
AD
  • Case un cento de rapaces do CEIP de Pedrouzos e do IES de Brión participaron coa lectura de poemas da poetisa galega

23 de febreiro de 2026.- A igrexa parroquial de San Xulián de Bastavales acolleu esta mañá a tradicional ofrenda floral do Concello de Brión á Rosalía de Castro na que participaron máis dun cento de persoas, na súa maioría rapazada procedente do IES de Brión e do CEIP de Pedrouzos. A xornada abriuse cun toque de campás da man do campaneiro de Bastavales, lembrando que unhas campás semellantes foron as que inspiraron os famosos versos do libro “Cantares Gallegos”, se ben as campás non son as mesmas, xa que a veciñanza tivo que cambialas a mediados do século pasado.

Acto seguido tivo lugar a tradicional Ofrenda Floral do Concello de Brión no exterior da igrexa, un acto presidido polo alcalde de Brión, Pablo Lago, e as concelleiras de Cultura, Sandy Cebral, e Servizos Sociais, Rosa Romero, que deron paso á lectura dunha serie de poemas e escritos por parte do alumnado dos centros educativos brioneses.

A maiores, durante hoxe luns terá lugar unha nova edición do Caldo de Gloria e do Café con verso en diferentes establecementos hostaleiros de Brión. Dúas iniciativas que inclúen a degustación da receita rosaliana do Caldo de Gloria, así como a entrega dun poema de Rosalía de Castro con cada café que se consuma no establecemento.

Mes de Rosalía

A programación especial do Mes de Rosalía do Concello pecharase o venres 27 de febreiro co espectáculo “De nome, Rosalía”, do Grupo Ouriol, formado por Eva Veiga, Bernardo Martínez, Fito Ares e Alfonso Costa. Trátase dun espectáculo dedicado á poesía de Rosalía de Castro, especialmente á recollida en Cantares Gallegos e Follas Novas. Será no centro social polivalente o venres 27 de febreiro, ás 20:30 horas. Entrada de balde ata completar aforo.

O Mes de Rosalía abriuse o pasado 12 de febreiro, cunha actividade de dinamización dirixida a toda a familia: “Dende Rosalía”, da man do grupo A Xanela do Maxín. O 20 de febreiro tivo lugar unha nova sesión de actividades de divulgación cultural “Brión, unha historia que contar” que, baixo a denominación “O sentir universal en Rosalía”, ofreceu unha experiencia artística na que participaron a actriz Chiruca Tarrío, como Rosalía de Castro; o músico e escritor Francisco Castro; e o grupo Teatro das Maniotas do IES de Brión. Finalmente, o sábado 21 de febreiro presentouse o espectáculo “Rosalía de Castro, como cor de ouro pálido”, protagonizado por Rafa Fernández (guitarra / composición), Tamara Andrés (voz) e Miguel G. Orive (videocreación).

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *