AD

Comarca

Brión inicia os actos de conmemoración do 25N cun obradoiro de autocoidado feminino

today4 noviembre, 2025

Fondo
share close
AD

4 de novembro de 2025.- O centro social polivalente acolleu esta mañá o obradoiro “O descanso da guerreira”, unha actividade coa que o Concello de Brión dá inicio á programación especial de actividades arredor do 25 de novembro e que inclúe obradoiros, relatorios, teatro e andainas, todas elas de balde. A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Rosa Romero, explica que “este ano o programa está centrado en dous obxectivos principais: difundir información sobre os recursos legais, psicolóxicos e económicos dispoñibles para facer fronte ás distintas formas de violencia machista e, por outra banda, poñer o foco na reparación e no encontro entre mulleres de todas as idades”.

Por iso, a programación arrincou esta mañá coa primeira das cinco sesións do obradoiro “O descanso da guerreira”, un espazo de conexión feminina e autocoidado impartido pola terapeuta e bailarina Martha Franco. Durante os catro próximos martes, en horario de 11:00 a 12:30 horas, as participantes aprenden ferramentas para mellorar o seu benestar e calidade de vida, como técnicas de automasaxe, respiración, movemento, estiramentos, nutrición e xestión emocional. A participación é totalmente de balde e aínda é posible anotarse para as seguintes sesións no teléfono 981 509 910 ou no mail sabela.losada@concellodebrion.gal.

Andaina

A programación continuará este sábado 8 de novembro coa andaina “Camiñamos xuntas!”, un percorrido de 5 km apto para todas as idades que sairá ás 11:00 horas do centro social polivalente. Como no resto de actividades, a participación é totalmente gratuíta, se ben é preciso anotarse chamando ao 981 509 910, enviando un mail a sabela.losada@concellodebrion.gal ou enchendo o seguinte formulario  https://forms.gle/8WVh6F9HX4cRj9th6

Para o luns 10 de novembro está programado o obradoiro “Teatro para sandar(nos)”, que terá lugar de 16:00 a 18:00 horas. Trátase dun taller de teatro para mulleres dirixido pola actriz Diana Sieira e con ferramentas empoderadoras, expresión corporal, xogo simbólico, creación colectiva… Terá lugar no centro social polivalente brionés.

Semana do 25N

Xa máis próximos á celebración do 25 de novembro, o venres 21, ás 20:30 horas, terá lugar unha sesión de teatro profesional: “Sophie non é o meu nome de guerra”, da compañía Redrum Teatro sobre a vida dunha muller migrante vítima de trata. Esta é a única actividade na que as inscricións terán que facerse a través de billeteira.concellodebrion.gal, sendo tamén totalmente de balde.

O luns 24 de novembro, de 17:00 a 18:30 horas, terá lugar o relatorio “Asesoría xurídica sobre violencia de xénero”, impartida pola avogada Cristina Martínez. Nesa sesión, a poñente ofrecerá información legal sobre a violencia de xénero, como actuar no caso de ser vítimas ou testemuñas, e responderá a todas as consultas e dúbidas que se lle plantexen.

O propio 25 de novembro, a praza do Concello acollerá ás 12:00 horas a lectura do manifesto institucional contra a violencia de xénero, cunha actuación de Teatro das Maniotas, do IES de Brión. En caso de choiva, o acto trasladaríase cara o centro social polivalente.

Finalmente, o luns 1 de decembro terá lugar un segundo relatorio, desta vez “Asesoría sobre a violencia sexual”, da man da psicóloga Lara Fuentes. O centro social polivalente acollerá de 18:00 a 19:30 horas unha charla sobre o que se pode facer no caso de ser vítimas ou testemuñas de violencia sexual.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *