AD

Actualidad

Brión inviste máis de 4 millóns de euros en obras: «Cambiaremos a luces LED todo o municipio»

today13 junio, 2025

Fondo
share close
AD
  • O alcalde Pablo Lago fai balance nunha entrevista radiofónica do ambicioso plan de obras, investimentos e melloras educativas e medioambientais, que avanzan “paso a paso, con humildade, pero con firmeza”.

O concello de Brión vive unha etapa de forte actividade inversora, a pesar das limitacións orzamentarias. Así o explicou o seu alcalde, Pablo Lago, nunha entrevista en Radio Líder Santiago, onde debullou con detalle os principais proxectos en marcha e a visión de futuro para un municipio de pouco máis de 8.000 habitantes que quere seguir medrando sen perder identidade.

«Nunca é o propio, sempre nos quedamos curtos, pero estamos poñendo ferramentas», resumiu o rexedor sobre as melloras nas infraestruturas deportivas, viarias e educativas que se están a desenvolver.

Un dos grandes fitos da lexislatura é a ampliación do pavillón municipal, unha vella promesa que xa comeza a ser realidade. A obra conta cun orzamento total de 500.000 euros —350.000 achegados pola Deputación da Coruña e 150.000 polo propio Concello— e permitirá ampliar en 680 m² a superficie deportiva dispoñible. “É o mínimo que podemos facer polos nosos clubs, que están a traballar moi ben. A rapazada precisa espazo para adestrar e competir, e con esta ampliación poderán quedar no concello”, afirmou.

Pero non é a única actuación en materia deportiva. Lago adiantou que tamén se traballa en cubrir pistas ao aire libre noutros puntos do municipio, especialmente na zona de Insua, con núcleos de poboación importantes. A intención é dotar de espazos útiles durante todo o ano, mesmo sen chegar a ter un novo pavillón, pero que permitan manter adestramentos en condicións dignas.

Outro proxecto clave é a renovación integral da iluminación pública, xa adxudicada, cun investimento de 2,5 millóns de euros. “Cambiaremos 2.500 luminarias en todo o concello, cos tendidos e cadros eléctricos incluídos, e con sistema de telexestión que permitirá detectar en tempo real calquera avaría”, explicou o alcalde.

A obra traerá consigo un aforro do 65% en consumo eléctrico e evitará a emisión de máis de 700 toneladas de CO₂. “É algo que loitei moito por conseguir, non foi fácil traer esta financiación para un concello pequeno como o noso”, recoñeceu.

Entre as actuacións de mobilidade destaca a renovación da estrada de acceso ao municipio —en colaboración coa Xunta de Galicia— cunha inversión conxunta de 1,3 millóns de euros para renovar a rede de sumidoiros, abastecemento e asfaltado.

Tamén se están reparando obras anteriores mal executadas, como o asfaltado en varias urbanizacións. Lago foi claro:“Non ía permitir que se gastaran cartos públicos en algo que quedou mal. A empresa está a corrixilo sen custo para o Concello, como debe ser.”

No eido educativo, Lago avanzou un convenio asinado coa Consellería de Educación para mellorar o IES e o CEIP de Brión. No instituto cubriranse os laterais do pabillón e no colexio ampliarase o patio cuberto, xunto cunha nova dársena de autobuses que permita unha entrada segura do alumnado.

“É unha obra importante, de preto dun millón de euros, e vai garantir que os nenos non teñan que atravesar zonas con tráfico para acceder ás instalacións”, explicou.

O alcalde tamén fixo referencia a un dos proxectos máis ambiciosos para o futuro de Brión: un edificio multifuncional que integrará un auditorio, biblioteca intelixente e espazos culturais.

“Xa temos case toda a parcela, e imos adquirir o resto para que sexa dotacional. Non é só un auditorio, é cultura integrada. E é unha necesidade”, destacou.

Aínda que está en fase de borrador e adquisición da finca, Lago confía en que ao final da lexislatura xa se poida ter o proxecto avanzado ou iniciado.

A pesar da magnitude dos proxectos, o orzamento do concello de Brión é reducido: uns 7 millóns de euros anuais, procedentes en gran parte dos impostos locais. “Non queremos subir impostos, pero hai servizos como a recollida do lixo onde teremos que revisar as cotas, porque a normativa así o esixe”, advertiu.

A clave está na colaboración con outras administracións. “Sen convenios coa Xunta ou a Deputación sería imposible realizar todo isto”, insistiu, mentres salientaba que a súa prioridade é seguir sendo “un concello que medra con responsabilidade”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *