AD

Comarca

Brión renova o convenio de colaboración coa Fundación Rosalía de Castro

today12 diciembre, 2025

Fondo
share close
AD
  • Ademais das visitas guiadas gratuítas á Casa Museo Rosalía de Padrón para entidades educativas e asociacións culturais, no novo convenio recóllese a gratuidade da visita para persoas empadroadas en Brión

O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, veñen de asinar a renovación do convenio de colaboración entre Concello e Fundación polos próximos catro anos. Un acordo rubricado inicialmente en xaneiro de 2021 e que foi renovado por outros catro anos, nos que o Concello de Brión comprométese a colaborar economicamente coa Fundación coa achega de 1.000 euros anuais.

En virtude deste convenio, tanto os escolares como as asociacións culturais de Brión poderán acceder de xeito gratuíto a visitas guiadas de balde á Casa Museo de Rosalía, en Padrón. Como novidade, o novo convenio contempla tamén que calquera veciño e veciña de Brión poderá entrar de xeito gratuíto na Casa-Museo, unha medida que se aplicou de xeito excepcional durante a pandemia, na que non estaban permitidas as visitas grupais.

Brión é un concello con estreitas ligazóns con Rosalía de Castro, polo que tamén forma parte do itinerario da Ruta Rosaliana, cun lugar de referencia na obra e vida de Rosalía de Castro como é  Bastavales. De feito, Pablo Lago amosou tamén a disposición do Concello brionés a seguir colaborando coa Casa de Rosalía “en todo o que teña que ver coa posta en valor da figura da poetisa”.

Casa Museo

A Casa Museo de Rosalía en Padrón está sostida pola Fundación Rosalía de Castro, unha fundación privada sen ánimo de lucro que foi creada en 1947 por persoas vencelladas ao galeguismo nos tempos difíciles da ditadura. A apertura da Casa-Museo en 1972 só foi posible grazas á colaboración económica de familias e empresas e institucións de todo o país e do mundo da emigración.

Daquela participaron centos de persoas anónimas de Galicia a partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de 60 concellos, varios bancos, a Federación de Caixas de Aforros, o Celta de Vigo, a Federación Galega de Ciclismo e innumerables asociacións de todo o país. Ao final, colleitouse un total de 994.043 pesetas en 1971.

Case 50 anos despois esta institución –que non recibe financiamento público regular que asegure o seu mantemento anual nin o seu futuro– quere reafirmarse na súa independencia económica e cultural e no apoio das xentes comprometidas co país e coa súa cultura.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *