AD

Actualidad

Brión solicita de novo a declaración da Romaría de Santa Minia como Festa de Interese Turístico

today10 septiembre, 2025

Fondo
share close
AD

10 de setembro de 2025.- O Pleno Municipal de Brión aprobou este mediodía por unanimidade solicitarlle á Xunta de Galicia a declaración da Romaría de Santa Minia como Festa de Interese Turístico de Galicia. Un acordo que é idéntico ao aprobado, tamén por unanimidade, na sesión de abril de 2024 coa única novidade dos cambios realizados na memoria explicativa para xustificar documentalmente o arraigo da festa entre a veciñanza e a singularidade da romaría.

Durante a tramitación da solicitude realizada en 2024, a comisión avaliadora da Xunta de Galicia entendeu que non se xustificaba o arraigo da Romaría de Santa Minia entre a veciñanza de Brión nin a súa singularidade. Dous puntos que foron incorporados á completa memoria explicativa presentada o ano pasado e que inclúe fotografías, libros, material gráfico e audiovisual que demostran que a Romaría de Santa Minia cumpre con todos os requisitos esixidos para ser declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.

Nomeadamente, para insistir no arraigo e na singularidade da Romaría, ao extenso informe asinado por Clodio González, historiador e integrante da Real Academia Galega, engadíronse este ano outra documentación como as máis de 1.200 sinaturas de veciños e veciñas de Brión que solicitan esta distinción e amosan a súa implicación coa romaría. Unhas sinaturas recollidas o pasado mes de decembro en apenas cinco días.

En canto á singularidade da celebración, o Concello de Brión tamén incluíu outros informes como o do párroco de Brión, José Luís Dorelle Iglesias, quen especifica que esta Romaría “foi unha devoción e festividade que non naceu estritamente no seo da xerarquía eclesiástica, senón no sentir común dun grupo de fieis laicos brioneses” dende o século XIX. Ademais, engadíronse novas imaxes de grupos de veciños desfrutando desta festa dende principios de século.

Resto da sesión

Nunha sesión rápida e sen apenas debate, onde todos os puntos foron aprobados por unanimidade con excepción dunha moción do grupo municipal do BNG, o Pleno aprobou a actualización dun 1,87% da ordenanza fiscal da taxa polo saneamento e depuración de augas. Unha porcentaxe que se corresponde co 85% do IPC do ano anterior (contabilizado de abril de 2024 a abril de 2024) e que se vén actualizando dende a sinatura do convenio para a prestación do servizo, no ano 2012.

Por último, o Pleno desestimou unha moción do BNG tipo sobre a vaga de lumes forestais que asolou Galicia no mes de agosto e as medidas necesarias para evitar que se repita esta catástrofe mediante unha política de prevención e unha xestión integral do medio. A moción foi rexeitada cos 3 votos en contra do PP, 2 a favor do BNG e a abstención dos 5 concelleiros do PSOE.

O grupo de Goberno amosou toda a súa solidariedade coas persoas damnificadas e desexou unha pronta recuperación das familias e dos espazos asolados polo lume, máis xustificou a súa abstención en que “non é este o lugar para debater esta moción na que propoñen cambiar a política forestal do Goberno Galego” e recordoulles que “o Parlamento de Galicia é o foro de debate axeitado, non os concellos, polo que a nosa posición vai ser a de abstención”, apuntou a voceira municipal, Sandy Cebral.

Un planteamento que compartiron dende o PP, que xustificaron o seu voto en contra en que “a Xunta respondeu e continúa respondendo”, poñendo como exemplo as medidas adoptadas onte no Parlamento galego ou a concesión das primeiras axudas a persoas afectadas pola vaga de lumes.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *