Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today12 mayo, 2026
– A inauguración terá lugar o venres cun faladoiro sobre Begoña Caamaño, a figura homenaxeada nas Letras Galegas 2026
– O sábado a celebración trasládase á carballeira con teatro, música e gastronomía durante toda a xornada
– O domingo degustaranse os tradicionais callos e empanada do San Isidro e rematará cun concerto da Orquestra Folk de Galicia Son de Seu
Bugallido acollerá os vindeiros 15, 16 e 17 de maio unha intensa programación cultural, musical e festiva arredor da III Carballeira das Letras e da tradicional celebración do San Isidro, cun amplo abano de actividades para todos os públicos.
A programación comezará o venres 15 de maio coa apertura da III Carballeira das Letras, unha iniciativa que homenaxea a lingua e a cultura galega. Ás 19.00 horas terá lugar o acto inaugural acompañado dun faladoiro-recital arredor da figura de Begoña Caamaño, no que participarán Ana Romaní, Andrea Nunes e Guadi Galego.

O sábado 16 de maio a Carballeira converterase nun espazo de encontro cultural e festivo desde o mediodía. Ás 12.00 horas desenvolverase o espectáculo familiar «As mil e unha. Letras Galegas Begoña Caamaño», a cargo de Vero Rilo e Luis Iglesias. A continuación haberá sesión vermú con Los Jinetes del Trópico e un xantar campestre con espazo gastronómico que incluirá churrasco, filloas e pizzas artesás.
Durante a tarde sucederanse diferentes propostas culturais e musicais, entre elas a foliada das escolas de baile e música tradicional de Bugallido, música e improvisación teatral co Colectivo do Flow e, como peche da xornada, o concerto de Tiruleque ás 20.00 horas.
A celebración continuará o domingo 17 de maio coa tradicional festa de San Isidro. A xornada arrancará ás 12.30 horas coa misa solemne en honra ao patrón, acompañada pola Coral Polifónica de Bugallido. Posteriormente, celebrarase a sesión vermú e a exhibición das escolas de música e baile tradicional.

O programa inclúe tamén un xantar popular coa tradicional degustación de callos e empanada, ademais dun espazo gastronómico con polbeira e a actuación da charanga Santa Compaña. Ao longo da tarde desenvolveranse actividades destinadas ao público infantil e xuvenil.
Como broche final das festas, ás 19.00 horas celebrarase o concerto da Orquestra Folk de Galicia Son de Seu. Ademais, durante toda a xornada poderá visitarse a feira de labranza e artesanía instalada no paseo do campo da festa.
Desde a organización convídase a veciñanza e o público en xeral a participar nestas celebracións, que combinan tradición, cultura galega, música e convivencia comunitaria.
Escrito por Líder Redacción
ames bugallido festa do san isidro III Carballeira das letras



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)