AD

Comarca

Campaña sobre o coidado das mascotas no CPI Antonio Orza Couto de Boqueixón

today28 enero, 2025

Fondo
share close
AD
  • Un total de 116 alumnos e alumnas de Infantil e de 1º a 4º de Primaria participaron nunha charla de GatoCan Oroso e recibiron un exemplar do libro-guía “O Refuxio de Bando”

Boqueixón, 28 de xaneiro de 2025.- O Concello de Boqueixón vén de poñer en marcha unha campaña de sensibilización sobre o coidado das mascotas, cuxa primeira acción tivo lugar no CPI Antonio Orza Couto. Un total de 116 alumnos e alumnas de Infantil e de 1º a 4º de Primaria participaron nunha xornada formativa impartida por persoal da protectora GatoCan Oroso e levaron un agasallo do Concello: o libro “O Refuxio de Bando”.

O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, agradeceu a colaboración das integrantes de GatoCan Oroso, que falaron á rapazada sobre as responsabilidades que supón ter unha mascota. Para iso contaron coa colaboración de dous dos seus “peludiños”, Leo e Duki, que fixeron as delicias dos pequenos, que aprenderon a importancia da adopción e do respecto aos animais.

GatoCan Oroso é unha asociación dedicada ao rescate e coidado de animais abandonados cuxo obxectivo principal é brindar unha segunda oportunidade a cans e gatos que foran abandonados, maltratados ou sufriran algunha situación de risco. Unha protectora sen ánimo de lucro que traballa para darlles unha vida digna e atoparlles un fogar amoroso.

O Refuxio de Bando

Pola súa banda, Rodeiro Tato aproveitou para entregar aos presentes un exemplar do libro-guía de Os Bolechas “O refuxio de Bando”, unha obra protagonizada polas personaxes creadas por Pepe Carreira e publicada pola editorial Bolanda, en colaboración co Refuxio de Bando, e patrocinada polos concellos de Boqueixón, Brión, Santiago, Teo, Vedra, Touro, Trazo, Dodro, Padrón e Val do Dubra.

A través das divertidas aventuras dos Bolechas, este libro promove o benestar animal, rexeita o abandono e informa sobre as formas de adopción responsable, os coidados dos animais, as tarefas de socialización e a información de coidado de cans e gatos da protectora. Ademais, tamén difunde outras opcións para colaborar co refuxio de Bando como a acollida, o apadriñamento ou os labores de voluntariado na entidade.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *