Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today15 noviembre, 2023
Santiago de Compostela-Lugo, 15 de novembro de 2023.- A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC), teñen en marcha as “XXXIV Xornadas Luis Asorey”. Esta edición titúlase “Os soutos de castiñeiros: ecosistemas multifuncionais”, a través dunha serie de conferencias gratuítas que se están a desenvolver no salón de actos da Deputación de Lugo (rúa San Marcos, 8), en horario de 19:00 a 21:00 horas. Tamén poden seguirse a través da canle de Youtube da RAGC. As xornadas están recoñecidas pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades como actividade de formación do profesorado non universitario.
A conferencia de mañá xoves tratará sobre a conservación de recursos xenéticos do castiñeiro, en particular clons híbridos, cultivares tradicionais e árbores monumentais. Impartiraa Juan Luis Fernández Lorenzo, biólogo, profesor titular do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo (Universidade de Santiago), responsable do seu Laboratorio de Micropropagación de Plantas.
O experto porá de relevo a importancia da conservación dos recursos xenéticos do castiñeiro en Galicia, facendo especial fincapé nas estratexias actuais de conservación de diferentes tipos de materiais. Falará sobre os cultivares galegos tradicionais, seleccionados ao longo dos séculos pola calidade da súa castaña, e preservados a través dos enxertos ata a actualidade. Tamén incidirá nos clons híbridos obtidos por cruzamento entre o castiñeiro europeo e os castiñeiros asiáticos, seleccionados pola súa resistencia a determinadas enfermidades, sobre todo á ‘tinta’ do castiñeiro, e que poden plantarse directamente para a produción de madeira e/ou froito ou ben servir de portaenxertos para os cultivares de castiñeiro europeo, sensibles a esta doenza.
O valor dos castiñeiros monumentais galegos
O biólogo explicará así mesmo a relevancia de preservar o valor xenético dos castiñeiros monumentais que existen na nosa comunidade e que están incluídos no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras. “A necesidade da súa conservación ten ido gañando importancia nos últimos anos, non só polo seu valor xenético, senón tamén pola súa significación cultural” -indica Fernández-. O investigador salienta que, no caso das árbores monumentais, “a elevada idade destes exemplares representa un desafío importante á hora de contemplar a súa conservación ex situ -fóra do seu ambiente natural-, que na actualidade pode abordarse grazas a técnicas biotecnolóxicas baseadas no cultivo in vitro, que tamén son de grande utilidade na conservación de clons híbridos resistentes á ‘tinta’ e de cultivares tradicionais”.
José Luis Fernández é autor de comunicacións e artigos internacionais relacionados principalmente coa propagación vexetativa de especies leñosas, en particular mediante cultivo in vitro, tendo desenvolto protocolos de propagación in vitro para algúns cultivares galegos tradicionais e protocolos de microenxerto in vitro de cultivares de castiñeiro europeo sobre híbridos resistentes á enfermidade da tinta. Participa en proxectos relacionados coa conservación de recursos xenéticos de cultivares tradicionais e árbores monumentais de castiñeiro e doutras especies.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)