Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today25 marzo, 2025
O Concello de Val do Dubra acollerá os días 5, 6 e 7 de abril as tradicionais Feiras do Abril, unha cita imprescindible no calendario local que mestura cultura, tradición e ocio para todos os públicos. O evento desenvolverase no aparcadoiro de San Lourenzo de Bembibre e contará cunha completa programación que inclúe mercado de artesanía, exhibicións de gando, degustacións gastronómicas e actividades culturais.
A xornada do sábado 5 de abril comezará ás 10:30 horas co mercado de artesanía, que se prolongará ata as 20:00 horas, ofrecendo unha ampla variedade de produtos locais e artesanais e que contará co patrocinio da Deputación da Coruña. Ás 12:00 horas, terá lugar a inauguración oficial das Feiras do Abril, que contará coa actuación do grupo local Regueifa, poñendo en valor a tradición oral galega e o noso baile.
Pola tarde, os asistentes poderán desfrutar dunha degustación de produtos típicos dubreses, con especial protagonismo para a vaca cachena e o pan de Val do Dubra, a partir das 13:00 horas.
Entre as 16:00 e as 18:00 horas, haberá un taller de estampaxe aberto ao público con selos de “Amor ó Teu”, seguido dunha demostración de cestería tradicional a cargo de Luís do Río ás 16:30 horas.
Un dos momentos máis destacados será o desfile de xoiería da artesá Susi Gesto e cestería local, que se celebrará ás 18:30 horas, poñendo en valor o talento dos artesáns da zona e o resultado do Obradoiro de ourivería —da man de Susi Gesto e co impulso de Artesanía de Galicia— que vén de rematar. A xornada pecharase ás 20:00 horas cunha sesión de “tardeo”, amenizada pola Orquestra Panamá e a disco móbil MG.
O domingo 6 de abril estará marcado pola tradición rural e o contacto coa natureza. Desde as 10:00 ata as 14:00 horas, terá lugar unha exposición de gando, xunto ao mercado de artesanía que continuará aberto durante toda a xornada.
Ás 11:00 horas, celebrarase unha demostración de cestería coa artesá local Sara Viña, e ás 11:30 horas, os amantes dos cabalos poderán participar nunha ruta cabalar.
Un dos momentos máis curiosos será o simulacro de protección civil, que se realizará ás 12:00 horas, seguido dunha actuación do Trío Alborada ás 13:00 horas.
Xa pola tarde, ás 16:30 horas, terá lugar un faladoiro de apicultura, impartido por Alfonso Priegue, e ás 17:30 horas, pecharase o día coa exhibición de cans de agility na área recreativa de Bembibre a cargo de Mascoguau.
O luns día 7 de abril será o día dedicado á gastronomía coa Festa da Empanada, que se celebrará no Campo da Feira de Bembibre como vén sendo habitual no marco das feiras. Ademais do tradicional mercado de primeiro de mes, os asistentes poderán degustar produtos nos food trucks de “Galicia Sabe a Mar”, en colaboración coa Consellería do Mar. A xornada contará tamén con polbeira e a actuación do Dúo Matices, poñendo o broche final a tres días de festa, tradición e artesanía en Val do Dubra.
O Concello de Val do Dubra anima a veciños e visitantes a participar activamente nestas Feiras do Abril 2025, un evento que une tradición e modernidade nunha celebración para toda a familia.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)