Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
A concelleira de Turismo do Concello de Padrón, Chus Campos, participaba este martes en Radio Líder Santiago para anunciar que este concello coruñés exaltará un dos seus produtos máis xenuínos na décima edición das Xornadas gastronómicas da lamprea, que terán lugar nas duas primeiras fins de semana de marzo. Catro establecementos ofrecerán a oportunidade de degustar os seus menús lampreeiros a un prezo único de 50 euros os días 1, 2, 3, 8, 9 e 10 de marzo. Ademais, haberá un showcooking, un certame infantil de cociña e dous talleres divulgativos para dar a coñecer esta delicia tan apreciada, auténtica señora do río Ulla.
Os locais participantes este ano serán o Restaurante O Secreto, Pulpería Rial, Restaurante O Santiaguiño e Casa Farrucán. Neles, os comensais poderán desfrutar de menús lampreeiros que inclúen un primeiro prato, un segundo de lamprea, postre e bebida. As opcións de cada restaurante, incluíndo a tradicional preparación á bordalesa, están dispoñibles na web de Turismo de Padrón e é necesario reservar chamando ao local elixido, xa que a dispoñibilidade depende do produto.
Ademais, o Concello de Padrón completará estas xornadas gastronómicas cunha serie de actividades centradas na lamprea, co obxectivo de dar a coñecer a historia e as peculiaridades deste manxar que se celebra na zona do río Ulla dende a época romana e que actualmente só se atopa en áreas moi específicas de Galicia dentro da Península. A súa singularidade vese reforzada por ser un produto altamente estacional que só se pode degustar nesta época do ano.
O programa de actividades comezará este venres 1 de marzo cun showcooking, onde os participantes terán a oportunidade de seguir as explicacións dun cociñeiro experto para elaborar en directo tres pratos con lamprea. A inscrición é gratuíta e pódese realizar na web de Turismo de Padrón a partir do 15 de febreiro, con prazas limitadas dirixidas a adultos.
O sábado 2, os nenos terán a oportunidade de mostrar as súas habilidades culinarias nun taller infantil que se levará a cabo no auditorio a partir das once da mañá. Os pequenos, con idades comprendidas entre os 5 e os 12 anos, cocinarán dous pratos utilizando a lamprea como ingrediente principal. A inscrición para este taller abriuse o 15 de febreiro.
A seguinte fin de semana, o sábado 9 de marzo, terán lugar dous talleres de divulgación científica que explorarán as peculiaridades da especie acuática. O primeiro, dirixido a nenos de entre 6 e 12 anos, titúlase «Tes un primo prehistórico» e comezará ás 11 da mañá. O segundo taller, «Por que falar de monos tendo lampreas?», estará dirixido a adultos e comezará ás sete da tarde. As inscricións para ambas actividades están abertas na web de Turismo de Padrón dende o 15 de febreiro.
Entrevista completa no seguinte enlace.
Written by: Líder Redacción
chus campos gastronomia lamprea padron radio lider santiago turismo xornadas
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)