Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
9 de abril de 2026.- Gran resposta veciñal nas dúas primeiras sesións das “Conversas co alcalde”, unha iniciativa organizada polo Concello de Brión para “achegarnos aínda máis á veciñanza, presentarlles os proxectos que temos para a súa parroquia e, sobre todo, escoitar e recoller as súas propostas e demandas de cara a buscarlles unha pronta solución”, explica o alcalde, Pablo Lago.
Unha proposta que foi moi ben acollida polos veciños e veciñas, que encheron onte mércores e antonte martes as escolas unitarias dos Ánxeles e de Sabaxáns (Bastavales). De feito, todas as cadeiras estaban ocupadas e non foron poucos os veciños que quedaron de pe ou que buscaron acomodo en mesas e outros recunchos das escolas unitarias.
Dúas reunións que se desenvolveron da mesma maneira. Nos primeiros quince minutos, Pablo Lago tomou a palabra á fronte de todo o seu equipo de Goberno para tratar temas de interese municipal como a recente subida de taxas pola recollida do lixo, o cambio de todo o alumeado municipal que se está a desenvolver en todas as parroquias así como as principais actuacións realizadas e por realizar en cada parroquia, Os Ánxeles e Bastavales, nesta ocasión. Ademais, fixo fincapé na necesidade de empregar a aplicación municipal de denuncia de incidencias “xa que dese xeito non se perde ningunha petición e cada demanda vai directamente á persoa ou empresa encargada de darlle unha solución o máis pronto posible”.
Demandas e propostas
A máis de hora e media restante foron para atender as demandas e suxestións dos veciños e veciñas. Neste caso, ambas as dúas parroquias coincidiron á hora de solicitar medidas de calmado do tráfico en varias estradas e limpeza de franxas, así como cuestións puntuais: dende o cambio dunha bombilla nunha luminaria municipal ao arranxo dun xogo nun parque infantil ou o bacheado dalgunha pista.
No caso dos Ánxeles, gran parte do debate centrouse tanto na boa marcha das obras de humanización da AC-543 ao seu paso polo Tremo como nos avances na resolución dos problemas de aldeas como O Cabo, con moitas das vivendas construídas en terreos inundables. No caso de Bastavales, o interese centrouse no estado dos accesos á piscina municipal e da propia unitaria de Sabaxáns.
O alcalde anuncioulles que os accesos á piscina estarán listos antes do inicio da campaña de verán, incluída unha zona para aparcamento, e no caso da escola apuntou que están previstas varias actuacións de pintado e mellora das instalacións, lembrando a necesidade de que se manteña o número de alumnos/as xa que son moitas as familias que, por comodidade, prefiren levar aos pequenos aos Ánxeles ou a Brión.
Finalmente, a maior parte das peticións en ambas as dúas parroquias foron comúns: solicitude de rozas, limpeza de cunetas e taxeas, rebacheos, mellora de pistas e accesos ás localidades, recuperación de fontes e limpeza de maleza nas contornas das aldeas. Unhas peticións adaptadas a cada aldea de cada unha das parroquias e das que Pablo Lago e o seu equipo de Goberno tomaron boa nota, como demostra que algunha das actuacións xa foron acometidas esta mesma semana mentres que as actuacións de maior entidade serán estudadas de cara á súa inclusión nos orzamentos deste ano.
Próximas citas
As “Conversas co alcalde” continuarán durante a próxima semana. As próximas citas serán nas parroquias de Brión e Boullón. Así, a veciñanza de Brión reunirase o martes 14 de abril, ás 21:00 horas, na sala de exposicións municipal (Casa da Cultura). Un día despois, o mércores 15 de abril, será a quenda para os veciños e veciñas de Boullón, que están chamados a reunírense no teleclub de Tembra a partir das 21:00 horas.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)