AD

Comarca

Citan na Estrada aos propietarios de 216 parcelas que serán expropiadas para ampliar a autovía AG-59

today19 marzo, 2025

Fondo
share close
AD
  • O Concello ten todo preparado para a instalación no Teatro Principal da unidade técnica que atenderá os afectados, entre o luns e o xoves.
  • De luns a mércores a atención será de 09.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.00. O xoves o servizo só estará operativo pola mañá.
  • Os propietarios teñen que acudir acompañados da documentación que acredite a súa identidade persoal e a titularidade sobre os bens afectados.

A Estrada, 19 de marzo de 2025.- A Xunta de Galicia realizará dende o vindeiro luns o levantamento de actas previas á ocupación das 216 parcelas que é preciso expropiar para a construción do novo tramo da autovía AG-59 (unirá A Estrada con Santiago) dende Pontevea ata O Rollo, na parroquia estradense de Santa Cristina de Vea. O Concello ten todo preparado para acoller á unidade técnica que se instalará a próxima semana no Teatro Principal para atender aos afectados.

Os convocados recibiron xa a correspondente comunicación. Terán que presentarse dende o luns 24 de marzo ata o xoves 27, con diferentes horarios. Luns, martes e mércores haberá atención de 09.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 18.00. O xoves 27 o servizo funcionará só en horario de mañá, de 09.00 a 14.00.

Os propietarios destas 216 parcelas -hai menos particulares citados, tendo en conta que algún dos afectados é titular de varias fincas- terán que acceder ao Teatro Principal pola porta lateral. Tal e como se lles indica na carta que recibiron, deben presentarse coa documentación que os identifique e tamén con aquela que identifique e acredite a súa titularidade sobre as parcelas que van ser expropiadas. Deste xeito, ao acto deberán acudir os titulares afectados persoalmente ou ben representados pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, que achegarán os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade, así como certificado de conta con códigos IBAN e BIC, a fin de realizar os sucesivos pagos que sexan procedentes mediante transferencia bancaria.

En todo caso, a edil estradense de Urbanismo, Amalia Goldar, sinalou hoxe que aquelas persoas que, aínda sen recibiren a carta correspondente nos seus domicilios, entenden  que son afectadas neste trámite de expropiacións poden achegarse ata o Teatro Principal, acompañados da documentación acreditativa correspondente, para resolver dúbidas ou formular aos técnicos as cuestións que consideren oportunas-

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario correspondente están expostos no Concello de A Estrada e no Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas de Pontevedra. Pode consultarse todo o referente a este procedemento expropiatorio tamén en liña, na web da consellería (https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/avisos?content=aviso_0364.xml) ou no seguinte enlace:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250227/AnuncioG0181-180225-0001_gl.html

A prolongación da AG-59 terá 4 quilómetros de lonxitude e permitirá reducir o tempo de viaxe entre A Estrada e Santiago de Compostela a tan só 10 minutos, contribuíndo tamén á mellora da seguridade viaria.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *