AD

Comarca

Comezan as obras de reparación do aglomerado de tres urbanizacións e sete estradas de Brión

today10 marzo, 2025

Fondo
share close
AD
  • Concello de Brión e Ponciano Nieto SL acordaron a realización destes traballos, sen coste algún para o municipio, ante o deterioro do firme debido a problemas puntuais coa empresa subministradora do betún

A empresa Construcciones Ponciano Nieto SL vén de iniciar as obras de reparación do asfalto de tres urbanizacións e sete estradas municipais en Brión, debido ao deterioro xurdido en varias zonas tras a execución do proxecto “Camiño de Amañecida ata a Graña e outros”. Unha actuación que se desenvolverá durante as dúas próximas semanas e que non terá ningún coste adicional para o Concello de Brión, xa que se desenvolverán con cargo á garantía ofrecida pola empresa durante o proceso de licitación da obra, que supuxo un investimento de máis de 750.000 euros.

Así o acordaron o alcalde do Concello de Brión, Pablo Lago Sanmartín, e o xerente de Construcciones Ponciano Nieto SL, Diego Nieto Barreiro, tras comprobar sobre o terreo o deterioro da capa asfáltica xurdida nalgunhas das zonas aglomeradas en quente a finais de 2021. Tras analizar o aglomerado, os técnicos de Ponciano Nieto SL confirmaron que os problemas detectados nalgúns puntos da obra teñen a súa orixe nun problema puntual coa empresa subministradora do betún, que afectou á composición química do aglomerado aplicado nalgunhas zonas.

Pablo Lago sinala que “estamos falando dunha das actuacións máis importantes que se teñen realizado nos últimos anos para a mellora da rede viaria municipal en aglomerado en quente, polo que agradecemos a boa disposición de Ponciano Nieto para garantir que a actuación quedará nas mellores condicións e sen custe ningún para o Concello de Brión”. Así mesmo, o alcalde brionés aproveita para pedir desculpas á veciñanza polas pequenas afeccións ao tráfico que poden producirse durante as dúas próximas semanas debido á execución das obras de reparación.

Actuacións a realizar

Os traballos a acometer terán lugar nas urbanizacións Monte Devesa, Agronovo e Monte Balado, así como ao longo de doce quilómetros de sete pistas municipais: camiño de Amañecida ata A Graña (nas parroquias de Luaña e Cornanda), camiño da estrada xeral en Gundín ata Saíme, pasando por Cabanas e Gontade (Os Ánxeles e Bastavales); camiño da travesía de Liñares-Casal ata Tembra-Cantelar (Brión e Boullón); da AC-300 ao Santo Arandel e o límite con Teo (Bastavales); da estrada xeral ata o cruce da estrada da Deputación (Bastavales); e camiño da AC-300 ata o acceso a Guisande (Os Ánxeles).

As actuacións consistirán na reparación daquelas zonas puntuais onde a capa asfáltica se ten deteriorado máis rápido. Nalgunhas áreas fresarase e volverase asfaltar, mentres que naquelas zonas que presenten fochancas procederase tamén a sanear por debaixo da estrada. Finalmente, naqueles lugares onde o desgaste é superficial, selarase con regos asfálticos.

Estas obras reparación están incluídas na garantía do proxecto “Camiño de Amañecida ata a Graña e outros”, adxudicado polo Concello de Brión á empresa Construcciones Ponciano Nieto SL por 752.119,96 euros e que foi executado no segundo semestre do ano 2021. Tras detectar as deficiencias nalgúns puntos do aglomerado, o Concello de Brión púxose en contacto coa empresa adxudicataria, quen accedeu a realizar estes traballos de reparación.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *