AD

Comarca

Concello de Boqueixón e Deputación asinan un convenio de 30.000 € para a Festa da Filloa de Lestedo

today16 octubre, 2025

Fondo
share close
AD
  • Ovidio Rodeiro presentoulle a Valentín González Formoso un proxecto para mellorar a seguridade peonil na DP-1201

Boqueixón, 16 de outubro de 2025.- O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe o concello de Boqueixón, onde se reuniu co alcalde, Ovidio Rodeiro Tato, e cos membros da corporación municipal para analizar os investimentos da institución provincial no municipio e estudar novas liñas de colaboración. No marco da visita institucional, Formoso e Rodeiro asinaron un convenio de colaboración por 30.000 euros para o financiamento da Festa da Filloa de Lestedo, unha das citas gastronómicas máis emblemáticas da contorna e que organiza a Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, en colaboración co Concello de Boqueixón.

Na sinatura participaron tamén Juan Manuel Silva, vicepresidente da asociación, e os vogais Juan Manuel Corral e Pascual Villaverde. O presidente lembrou que a Deputación colabora cada ano con esta celebración, unha das máis tradicionais do municipio, e coa entidade organizadora, contribuíndo por exemplo á compra da máquina filloeira que se utiliza no evento, con capacidade para producir ata 800 filloas por hora.

Ovidio Rodeiro destacou que “é unha axuda moi importante xa que a Filloa acadou este ano a súa gloria coa declaración de Festa de Interese Turístico Nacional, polo que isto axudará a darlle un toque máis de calidade e de presenza”. Así mesmo acreditou “o bo facer da Asociación Cultural da Filloa e da parroquia de Lestedo, pois son eles os que o organizan todo. Dende o Concello colaboramos no posible pero son eles quen toman a iniciativa e sacan adiante esta festa”.

Proposta de itinerario peonil na DP 1201

Formoso e Rodeiro falaron tamén do proxecto presentado polo municipio para mellorar a seguridade peonil na estrada provincial DP 1201, a única estrada provincial existente no municipio, na que a Deputación xa realizou investimentos de ampliación e mellora nos últimos anos.

En concreto, a actuación proxectada tería lugar no PK 2+250, no entorno da intersección desta estrada co viario municipal e o campo da festa de O Forte e aproveitaría o antigo trazado da citada estrada provincial (actualmente en desuso) para convertelo nun paseo peonil, acondicionando a superficie existente entre ambas vías e dando continuidade aos itinerarios peonís xa existentes nas marxes da DP 1201, permitindo conectar a pé e con seguridade o Concello, o centro de saúde ou o campo de fútbol.

O Concello de Boqueixón presentará o proxecto para a súa valoración por parte dos servizos técnicos de Vías e Obras da Deputación.

Plan Único

Formoso destacou que este ano o concello recibe 1.215.584 euros do Plan Único (POS+2025), o maior plan de cooperación municipal de Galicia, que acada un récord histórico de 138 millóns de euros para os concellos da provincia. “O Plan Único é unha ferramenta esencial para garantir o equilibrio territorial e apoiar aos concellos máis pequenos, que atopan nesta cooperación provincial un instrumento clave para mellorar servizos e infraestruturas”, subliñou o presidente.

Durante a última década, a Deputación destinou máis de 11,7 millóns de euros a Boqueixón, dos cales 7 millóns proceden do Plan Único, co que se financiaron 52 obras e centos de servizos públicos que melloran a vida da veciñanza. Entre as actuacións realizadas destacan as melloras en estradas e camiños municipais (como os de Lamas, Pazos, Cruceiro de Pousada ou Loureda), así como proxectos en alumeado público, redes de saneamento, abastecemento de auga e a reparación do parque infantil de San Vicente de Boqueixón, entre outras.

Formoso incidiu tamén en que os investimentos da Deputación nos 93 concellos coruñeses superan este ano os do Fondo de Cooperación Local da Xunta, e reclamou ao Goberno galego que eleve este fondo ata os 200 millóns de euros “para reforzar o financiamento municipal e garantir unha distribución máis xusta dos recursos”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *