AD

Comarca

Conta atrás para a XI Andaina Terras de Altamira, que se celebrará o 23 de maio en Brión

today11 marzo, 2026

Fondo
share close
AD

O Concello de Brión acollerá o sábado 23 de maio de 2026 a XI edición da Andaina Terras de Altamira, unha cita xa consolidada no calendario galego do sendeirismo e que volverá reunir centos de participantes arredor do deporte, da natureza e da convivencia. Esta nova edición volverá ser proba oficial da Federación Galega de Montañismo, integrada na Liga Galega de Andainas e na Liga Ibérica de Sendeirismo.

A proba manterá o formato das últimas edicións, con tres distancias de 16, 33 e 50 quilómetros, co obxectivo de adaptarse a distintos niveis de esixencia física e seguir promovendo unha práctica deportiva aberta, participativa e non competitiva. A saída será conxunta para todas as modalidades e o percorrido conservará o formato en liña que caracteriza esta cita, nunha xornada pensada para combinar deporte, convivencia e posta en valor da contorna natural e patrimonial de Brión.

A Andaina Terras de Altamira chega a esta undécima edición avalada por unha traxectoria que a sitúa como a proba máis multitudinarias da Liga de Andainas. Na anterior edición superouse a cifra simbólica das 1.000 persoas participantes, un récord para a proba e unha mostra da dimensión que foi gañando ano tras ano. Brión consolidouse así como un punto de encontro de referencia para o sendeirismo galego, capaz de mobilizar centos de persoas arredor dun mesmo reto e de converter camiños, montes e aldeas nun espazo compartido de esforzo, compañeirismo e orgullo de territorio.

A organización traballa xa nunha nova edición que busca reforzar o valor deportivo e social dunha proba convertida tamén nun escaparate do territorio brionés. Para iso, porá á disposición das persoas participantes unha ampla cobertura de servizos, entre eles bolsa do sendeirista, avituallamentos sólidos e líquidos, seguro de accidentes e responsabilidade civil, servizo médico e ambulancia, así como duchas, piscina cuberta e diploma e medalla de finalista. As inscricións estarán abertas do 15 de marzo ao 20 de maio a través da páxina web oficial da proba (www.andainaterrasdealtamira.org), onde tamén se poderá consultar toda a información relativa ás bases, percorridos, horarios e recomendacións prácticas.

PRESENTACIÓN OFICIAL

Como antesala desta undécima edición, este venres 13 de marzo celebrarase a gala de presentación no Centro Social Polivalente do Concello de Brión. O acto comezará ás 20:30 horas, estará conducido por Federico Pérez, padriño da proba, actor e humorista galego cunha ampla traxectoria en televisión, cine e teatro; e servirá para dar a coñecer os detalles da mesma e algunhas das novidades desta nova edición.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *